Concello e Acrofam firman convenio para a educación emocional por quinto ano

O Concello da Estrada e Acrofam firman un convenio de colaboración mediante o cal se traballará a educación emocional nos centros educativos da localidade que decidan adherirse, segundo explicou hoxe o tenente de alcalde, Juan Constenla.

 

convenio centrosOs centros de primaria que participarán nas actividades desenvolvidas durante o presente curso son o de Figueiroa, o Cabada Vázquez e o Plurilingüe de Oca, xunto cos institutos de secundaria Número 1 e o Manuel García Barros, mentres que o colexio N. S. Lourdes participará nas dúas modalidades.

 

A directora de Acrofam, Kim Llobet, e diversos representantes da asociación e dos diferentes centros educativos fixeron un balance acerca das actividades implantadas durante os últimos catro anos, dos que todos se mostraron satisfeitos, xa que afirman que tiveron unha gran aceptación por parte do alumnado, que se involucrou plenamente nos procesos adoptados.

 

Este enfoque da educación emocional implantado por Acrofam trata nas aulas temas como o descubrimento das emocións a través da arte, a autoaceptación e a educación afectivo-sexual dende o punto de vista dos nenos que, a través de diferentes actividades, trasladan as súas dúbidas e inquietudes sobre determinados temas ao persoal docente.

 

Ademais levan a cabo talleres de debate, que melloran a expresión oral dos rapaces, fortalecen as súas habilidades comunicativas e lles confire un punto de vista máis crítico á hora de afrontar determinadas posturas, e instalaron tamén un modelo de mediación, polo cal, os alumnos resolven os seus conflitos (susceptibles de resolverse mediante este método) de xeito pacífico e de forma consensuada.

 

Para rematar, a directora do colexio N. S. Lourdes, Dolores Otero, subliñou que a finalidade común que perseguen todas estas iniciativas e actividades postas en marcha dende Acrofam é que os nenos crezan máis felices e cunha educación e formación que lles sexa útil de cara á vida.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1