O Losada Diéguez participará no FP Innova cunha casa modular

O instituto Antón Losada Diéguez da Estrada participará no FP Innova cunha casa modular. O alumnado de segundo curso do ciclo de Formación Profesional de Fabricación a Medida e Instalación de Carpintería e Moble encargarase de construír e acondicionar a vivenda que será exposta en marzo no monte Gaiás da Cidade da Cultura.

 

anton losada1Juan García, un dos mestres do ciclo, sinalou na presentación do proxecto na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada que a través desta iniciativa se pretende que esta rama de formación creza e gañe un protagonismo acorde ao que representa o sector da madeira na zona.

 

O Losada Diéguez participa, xunto co IES de Ortigueira e o CIFP Ferrolterra, neste proxecto para acondicionar unha “cápsula orgánica multiusos” optando por un modelo de vivenda, pero os outros centros estudarán outras posibilidades, como a de converter a estrutura nunha oficina de turismo, socorrismo ou punto de vixilancia de incendios.

 

García indicou tamén que, ao tratarse dun deseño modular de 18 metros cadrados, no que cada módulo posúe unhas medidas de seis metros de ancho, tres de fondo e outros tres metros de altura, poderíanse combinar varios módulos co fin de ampliar o espazo de acordo ás necesidades das persoas.

 

anton losada2Outro dos mestres do ciclo, Juan Mañá, explicou que a idea naceu dun plan ficticio de empresa para vender unha destas estruturas e o uso co que se vendería, para o que se contemplaban distintas alternativas, contando co valor engadido de que toda a construción está deseñada con materiais reciclables autóctonos ou subministrados por empresas galegas coas que colaboran.

 

Ademais aclarou que nun principio ían optar por traballar con volumes máis pequenos e acoplalos pero que, debido a problemas de tempo de cara a chegar a expor o modelo no congreso FP Innova en marzo, ao final se optou polo deseño dun único espazo de 6x3x3 metros.

 

Para rematar incidiu na necesidade de implantar máis ciclos orientados a rapaces que queiran acceder a FP Básica e que non remataron a ESO e de recibir máis alumnado, xa que asegurou que esta titulación garante unha saída laboral , posto que están atopando problemas para abastecer ao sector da zona. Este é un perfil demandado e non hai alumnos para nutrir as necesidades da comarca e os arredores, finalizou Mañá.

 

O alcalde, José López Campos, pola súa parte agradeceu a invitación á presentación do proxecto e por todo o que se está facendo e se está apostando polo sector da madeira dende esta rama de FP para a que afirmou que se atopa demanda de emprego.

 

Lembrou tamén o compromiso por parte do Concello co sector da madeira, non só pensada a nivel de mobiliario, senón a nivel construtivo e estrutural, e puxo como exemplo á Escola Infantil, da que afirmou que é “unha xoia da que sentirse orgullosos” e unha homenaxe a un sector referente na Estrada como é o da madeira.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1