Doce persoas, dez desempregados e dous autónomos, realizarán o vindeiro sábado, 13 de agosto, o curso de traballo en altura ofertado polo Concello da Estrada, segundo informou hoxe o concelleiro de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Óscar Durán. Será impartido nas instalacións da Fundación do moble, xa que conta cun espazo aberto, idóneo para o seu desenvolvemento.
O curso terá unha duración aproximada de oito horas e se desenvolverá ao longo do día e capacitará aos participantes para desenvolver traballos en altura; unha cualidade moi solicitada polas empresas, segundo aclarou Durán, quen afirmou que unha empresa xa pediu acceso á lista de nomes dos participantes con vistas a realizar entrevistas de traballo.