Arranxados os problemas de subministro eléctrico na zona deportiva da Estrada

Os problemas de subministro eléctrico na zona deportiva da Estrada quedarán solucionados de maneira provisional ata que en novembro se realice o cambio a iluminación LED, segundo informou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos.

 

As sobrecargas que se viñan sucedendo na zona deportiva producían cortes no subministro eléctrico nas que se tardaba arredor de 20 minutos ata que se conseguía restaurar o servizo. Neste tempo se perdía a iluminación de pavillóns, pistas de pádel e dos campos de fútbol Manuel Regueiro e Coto Ferreiro, así como a propia iluminación municipal.

 

Para solucionar este problema, que xa ven de lonxe, segundo aclarou o alcalde, o Concello conta cun presuposto de 72.725 euros, procedentes do Plan Concellos 2017, mediante o que se cambiarán as luminarias actuais por elementos de iluminación LED.

 

Está previsto proceder á adxudicación definitiva para esta intervención á empresa Teisa (Técnicas Edificativas Innovadoras), que xa entregou a documentación e garantías requiridas polo Concello, por un valor de 51.655 euros. Dita empresa foi a que presentou a oferta máis vantaxosa de entre as 14 que se presentaron, na que a garantía total do proxecto se estende ata os 9 anos.

 

A empresa contará cun prazo de execución de un mes para realizar o cambio dende o momento no que se firme o contrato.

 

Este cambio reducirá á metade tanto o consumo como a potencia necesaria para manter as instalacións, polo que ademais de acabar cos problemas de subministro, permitirá ao concello aforrar 20.000 euros ao ano no consumo eléctrico, finalizou López.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1