O Concello da Estrada está a traballar para solucionar os problemas de abastecemento de auga rexistrados en Lagartóns e Matalobos. A solución pasa por conectar as 25 vivendas afectadas á rede de abastecemento, explicou hoxe o alcalde, José López Campos.
Este é o mesmo problema que se viña rexistrando en Tabeirós e Nigoi, onde afecta a arredor de 200 usuarios e que ao longo deste mes debería quedar solucionado a través dun convenio firmado con Augas de Galicia, que sufragará os 450.000 euros de inversión necesaria para ramificar a traída do Umia ata as vivendas afectadas, indicou o alcalde.
Esta situación urxe sobre todo en Tabeirós, pero de manterse a situación actual, na que apenas se rexistran precipitacións e, cando se producen, son escasas, teremos problemas serios de abastecemento, alertou López. “O cambio climático está aí. O problema da auga, que era unha anécdota, agora é unha realidade”, sentenciou.
Con esas dúas actuacións estaríamos cubrindo os maiores problemas de abastecemento do municipio aos que podemos chegar, pero é certo que chove moito menos e a auga dura moito menos. É algo que nos debería preocupar, rematou López.