A estrea do documental Unha estrada ao futuro enche o Principal

O pasado sábado 29 de setembro do 2018 tivo lugar, no Teatro Principal da Estrada, a presentación do documental Unha estrada ao futuro, sobre a industria e a actividade económica que se desenvolve no concello. A produtora Xurdir amosou o seu agradecemento aos asistentes ao evento, que catalogaron coma “un total éxito”.

 

Numerosos estradenses (aproximadamente 350) acudiron á cita da estrea da peza audiovisual e tamén á mesa redonda na que participaron o secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García; o alcalde da Estrada, José López Campos; os presidentes da Asociación Comarcal de Empresarios (ACE) e da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE), Fernando Martínez e Alfredo González; e a profesora da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias da Universidade de Santiago de Compostela, María Bastida Domínguez, que interveu co seu relatorio que levaba por título “A Estrada: oportunidades e fortalezas para alcanzalas”.

 

Unha vez finalizada a mesa redonda procedeuse á visualización do documental Unha estrada ao futuro. Esta peza audiovisual é a quinta dunha serie de documentais que teñen como principal obxectivo por en valor a empresa do rural galego. O Concello da Estrada súmase a este proxecto audiovisual para mostrar por terra e por aire a infraestrutura económica do seu municipio.

 

No vídeo móstranse os sectores máis emblemáticos e con maior tradición da Estrada, como pode ser o sector da madeira, pero tamén outros emerxentes como o da sidra e a hostalaría. O documental fala do porvir pero tamén do presente e do pasado deste municipio, e faino a través da testemuña dos seus protagonistas. Ata catro xeracións de emprendedores están representados neste vídeo que recolle, ademais de entrevistas, os momentos tenros e íntimos, lembranzas e anécdotas tras case dúas semanas de gravación.

 

O documental está dispoñible na plataforma Youtube para que as persoas interesadas podan proceder á súa visualización. https://www.youtube.com/watch?v=zOjWMk76Dvk.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1