A Estrada da a benvida unha vez máis ao “Outono no Principal”

O concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, presentou hoxe na Sala de Xuntas do Consistorio a programación cultural planificada para o “Outono no Principal 2018”, que contará con 25 actuacións dende setembro ata finais de decembro.

Esta cifra ascende ata arredor dos 40 eventos cando se inclúen tamén os que terán lugar nas parroquias, nun esforzo do Concello co que “se tenta que a vila estea á altura das expectativas da cidadanía” en canto á oferta cultural, sinalou o concelleiro.

As actuacións foron elixidas tendo en consideración a todos os públicos, aínda que se puxo especial interese á hora de escoller a axenda infantil, na que terán un lugar destacado os musicais Naviland e Monster Rock, e na que repetirá, por aclamación popular, Os tres porquiños.

Esta tempada cultural comezará de forma oficial da man dun dos diversos grupos de artistas estradenses que se dan cita nesta XIV edición; o Teleclube da comedia dará o disparo de saída o vindeiro sábado 22 de setembro na parroquia de Orazo.

O Principal recibirá este ano a visita de destacados artistas do panorama nacional, tales como Pepe Viyuela, que porá en escea un espectáculo clown, e Luis Piedrahita, para cuxo monólogo, Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas, xa están vendidas a metade das entradas.

Constenla incidiu no feito de que é preciso pasar polo departamento de Cultura do Concello para recoller as invitacións para as actuacións de balde que vaian a interpretarse no Teatro Principal, por cuestións de aforo e finalizou a súa intervención sinalando que o obxectivo dende Cultura é que os estradenses queden seducidos por un ou outro evento, ademais de facer accesibles os espectáculos ao público e ampliar a “oferta cultural, xa extensa, coa que conta a vila”.

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1