O luns adxudicarase o contrato de obra para o centro de día da Estrada

O alcalde da Estrada, José López Campos, confirmou hoxe que está previsto adxudicar o contrato de obra para o centro de día da localidade o vindeiro luns 27 de agosto. Esta intervención comprende tanto a infraestrutura da obra como o equipamento para o centro.

 

A parte relativa á obra conta cun orzamento de 6.500 euros e inclúe a instalación de sanitarios e duchas adaptados para persoas con mobilidade reducida, espazos acondicionados para a evacuación en caso de incendio mediante tabiques e portas dobres, ambos cortalumes.

 

O equipamento, por outra banda, inclúe o mobiliario, cadeiras, vitrinas, carros, bandexas e elementos de fisioterapia e deportivos por un valor de 5.780 euros, ademais da instalación dun ascensor de uso exclusivo para o centro, acondicionado para garantir a accesibilidade e que permita a entrada de camillas, cuxa instalación, prevista para outubro, ronda os 14.000 euros.

 

 López prevé que a obra e o equipamento estean rematados para setembro e concertar nesas datas a visita de inspección, informando previamente da incidencia co ascensor e, deste xeito axilizar os trámites e poñer o centro en funcionamento en canto este estea instalado.

 

O rexedor local sinalou que fai anos que se finalizou o proxecto do Novo Mercado e que na actualidade todos os seus espazos están a funcionar á súa máxima capacidade, polo que espera que o centro de día vaia a ter o mesmo éxito. Nestes termos amosouse confiado en que as vinte prazas a xornada completa ou corenta a xornada partida do centro serán suficientes para satisfacer a demanda actual.

 

Tamén afirmou estar seguro de que o centro ofrecerá un “servizo óptimo nunha infraestrutura de primeiro nivel” no casco urbano que permitirá ás familias tomar folgos e deixar a persoas dependentes nun lugar homologado por Política Social.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1