A concelleira de Asuntos Sociais cualifica de óptimo o funcionamento do Espazo Concilia

A concelleira de Asuntos Sociais, Amalia Goldar, visitou as instalacións do Espazo Concilia, do que dixo que estaba en óptimas condicións de funcionamento. Tras analizar o labor e observar o desenvolvemento das actividades no centro durante as últimas edicións, a concelleira asegurou que está moi satisfeita co servizo.

 

espazo concilia2Actualmente, e ata o vindeiro 28 de agosto, está aberto o período de matrícula correspondente ao próximo curso escolar para o espazo, que conta cun límite de 45 prazas en diferentes quendas, para as que teñen preferencia os alumnos previamente apuntados e que fixeron unha prematrícula entre os meses de maio e xuño.

 

Non obstante, a concelleira afirmou que aínda hai dispoñibles arredor de 30 prazas neste espazo, onde os nenos están “ben atendidos” e resaltou a implicación do Concello á hora de botar unha man ás familias da localidade á hora de conciliar a vida laboral e familiar mediante este tipo de iniciativas.

 

Na actualidade non están acudindo todos os nenos matriculados, posto que moitos dos rapaces inscritos están nestas datas nos campamentos de verán ou de vacacións coa familia, e precisamente porque non é habitual que todos os nenos matriculados estean á vez nas instalacións, a concelleira lembrou a existencia de bonos, que se poden empregar en función da capacidade e que os pais de rapaces non inscritos poden adquirir para ocasións puntuais.

 

Deste xeito, se precisan deixar aos cativos no centro para atender calquera cuestión, poderían facer uso dun destes bonos, un día ao prezo de 6 euros ou cinco días a 25 euros, e que se poden adquirir no departamento de Servizos Sociais da Casa do Concello. Os bonos non caducan ata que remata o curso escolar.

 

espazo concilia1O Espazo Concilia, sito na Rúa Padrón, no primeiro andar do Novo Mercado, ten un horario de apertura das 15:30 ás 20:30 horas, de luns a venres nos períodos lectivos; das 8:30 ás 13:30 os sábados e das 9:00 ás 14:00 horas, durante os períodos non lectivos.

 

Actualmente está aberto en horario de verán, de 9:00 a 14:00 horas ata o día 11 de setembro, e a partires do 12 de setembro, día no que comeza o novo curso escolar, adoptará o horario especificado para o período lectivo.

 

Para terminar, a responsable de Servizos Sociais lembrou que para realizar a matrícula é requisito indispensable que un dos pais estea traballando e que a orde das listas establécese en función da renda dos proxenitores.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1