O Concello da Estrada prepara a segunda fase de actuación na Zona dos Viños

O Concello da Estrada pecha o prego para a contratación da obra da Rúa do Cruceiro, dando inicio á segunda fase de actuación na Zona dos Viños, licitada hoxe, segundo informa o alcalde da localidade, José López, e explica tamén que está preparada para asinar a memoria que dá luz verde á mellora da iluminación na área.

 

O Concello ten que validar esta proposta de memoria remitida pola Xunta de Galicia, incluída nun novo convenio para rematar coa mellora da iluminación da Zona dos Viños, pendente da primeira fase. Esta actuación, que pretende acondicionar a iluminación vertical das rúas recuperando os mastros e substituíndo os brazos e luminarias, conta cun orzamento de 33.300 euros e un prazo de execución dun mes. Ademais, incluiranse dous proxectores de luz cenital que alumeen os logotipos que dan acceso e acoutan a Zona dos Viños.

 

Estes traballos de mantemento e instalación eléctrica, unidos á conexión da arqueta de saneamento da área completarían a primeira fase do proxecto e darían paso á segunda fase licitada hoxe. Tras dita licitación ábrese un período de vinte días, ata o vindeiro 13 de agosto, para que as empresas presenten as súas ofertas.

 

Esta segunda fase suporá a realización de obras que se prolongarán dende a Praza de Galicia ata a Rúa do Cruceiro e que contará cun orzamento de 140.000 euros, do que o Concello achegará de 100.000 euros de fondos propios mentres a Xunta asumirá os 40.000 euros restantes. Dende o Concello espérase que esta intervención comece en setembro e que teña dous meses de execución. En calquera caso, como recoñece o dirixente local, terase en conta unha rebaixa do prazo por parte das empresas interesadas.

 

Fernando Conde

López tamén prevé ter preparada para o venres a licitación das obras na Rúa Fernando Conde, da que afirma que a intención é facer unha reforma “realmente ambiciosa”. Aínda está pendente a xustificación da expresión de interese do trámite, pero segundo informa o alcalde, esta semana debería quedar disposta para realizar a licitación.

 

Esta actuación suporá a reforma integral de toda a rúa e contará cun orzamento de 700.000 euros do  proxecto a Estrada Social Sostible 2020 (AESS2020), cofinanciado nun 20 por cento con fondos propios do Concello e nun 80 por cento mediante o Programa Operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020, encadrado no marco da Edusi.

 

Dita inversión permitirá a remodelación de todo o conxunto, nunha aposta por mellorar beirarrúas, pavimento, servizos e iluminación. “É unha actuación grande”, recoñeceu López, que aclarou que a obra abranguerá a lonxitude dun quilómetro polas dúas marxes e regularase tamén o aparcadoiro.

 

A obra inclúe a reposición do pavimento e iluminación dende a Rotonda e o emprazamento do aparcadoiro -no que só se poderá estacionar á marxe dereita en sentido de subida dende a Rotonda das Colonias- e do mobiliario urbano dende a primeira Travesía de Fernando Conde, ambas ata a Porta do Sol, e a construción de 600 metros de beirarrúas dende Varela Buxán ata enlazar coas novas á altura da estrada de entrada á praia fluvial. 

 

A intervención nesta rúa non se limita ao remodelado do pavimento e beirarrúas, senón que abrangue unha mellora xeral dos servizos urbanos de abastecemento, saneamento e xestión de augas pluviais. Dotarase de mobiliario urbano, coa colocación de corenta bancos, vinte xardineiras e vanse cambiar todos os farois, dando paso á colocación de trinta e cinco novos; quince simples e vinte dobres.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1