A Festa do salmón da Estrada custou 40.500 euros

A Festa de salmón do pasado mes de maio custou ao Concello da Estrada 40.500 euros, segundo aclarou esta mañá o concelleiro de cultura, Juan Constenla, para refutar a información ofrecida polo Grupo Móvete e publicada polos medios de comunicación na que se afirmaba que a cantidade ascendía a 70.000 euros.

 

Constenla explicou que o Concello aprobara nos presupostos un gasto que estimara en 40.000 euros destinados para a festa e engadiu que a forma de conseguir eses fondos, grazas á “boa xestión” do goberno local, non recaeu só neles, senón que recibiron a axuda doutras administracións.

 

Así, con este proceder, a Deputación de Pontevedra concedeu unha axuda de 30.093 euros, e a Xunta de Galicia aportou unha axuda de outros 3.000 euros, como corresponde a todas as festas de interese turístico autonómico.

 

Isto, en ningún caso significa que se gastasen 40.000 euros por un lado máis 30.000 por outro, recalcou o concelleiro, que inquiriu que a día de hoxe a festa custou 40.500 euros, aínda que recoñece que pode quedar algunha factura en trámite ou que ata este día non emitira algún provedor.

 

Aproveitando a ocasión, Constenla recordou que a Festa do salmón non é cousa dun día, senón que engloba máis actividades e serve como pretexto para que o pobo teña máis vida dende unha quincena antes de que chegue o día propio da celebración. Salientou ademais que, tanto o concurso de pesca internacional como a degustación dos pratos elaborados con salmón durante a festa serven como reclamo turístico atraendo a xente doutros lugares; feito que ten un grande impacto no comercio e na economía local. Esta imaxe da Estrada vinculada ao salmón confire fama á localidade en toda Galicia e fortalece a influencia de cara ao público, expuxo o concelleiro.

 

Para rematar, Constenla quixo comparar a Festa do salmón coa Festa da sidra, da que afirmou que foi este goberno a que comezou a organizala como “apoio a un sector local emerxente”, e ao que “se lle tendeu a man” para facelo máis visible e dotalo dun valor engadido vinculado a un produto e que esa imaxe pertenza tamén ao concello da Estrada.

 

Dende que se comezou a axudar a este sector observouse como se asentaba a explotación e a industria vencelladas a el e como, pouco a pouco, vai crecendo en afluencia e difusión a Festa da sidra, do mesmo xeito que acontece coa do salmón, reflexionou finalmente o concelleiro.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1