O Concello da Estrada discutirá mañá sobre a situación dos seus dispositivos de emerxencias, dos que o alcalde, José López, afirma que poucos concellos contan cos medios e instalacións cos que se conta na localidade, pero que nalgunhas quendas só se pode ter a tres persoas, cando o ideal sería poder contar con catro.
Se dende o Concello se consegue ampliar en dous efectivos ese servizo de emerxencias sería suficiente para acadar que en todas as quendas se atopasen grupos eficientes e sen carencias. Con estas incorporacións pasaríase dun equipo de dezanove efectivos a un de vinte e un, ademais dos catorce traballadores das brigadas de reforzo para a tempada de verán, dez membros das dúas brigadas e catro condutores de motobomba que permiten ver o servizo de emerxencias de forma máis ambiciosa, recoñeceu o alcalde.
Sinala tamén López que os servizos de emerxencias actúan, ademais de na Estrada, en Cuntis, Forcarei, Moraña, Teo e Vedra, que o servizo complementa ao de Protección Civil e que permite seguir mantendo o servizo de dúas ambulancias e o seu tempo de resposta.
As ambulancias tenden a facer unha media de catro ou cinco saídas ao día, o que obriga a desprazar efectivos, pero pese a que existe predisposición por parte do GES e o grupo municipal de emerxencias de acudir a calquera chamada, o ideal é contar cos medios necesarios para a súa correcta administración, finalizou o gobernante local.