O Concello da Estrada traballa no seu plan de transporte público

Representantes do Concello da Estrada e da Dirección Xeral de Mobilidade reuníronse hoxe para discutir sobre o deseño do plan de transporte público da localidade. Unha resolución europea obriga a sacar a concurso todas as concesións de transporte público de Galicia para 2019.

 

Deste modo, todos os concellos da comunidade están afectados por esta nova lei no ámbito do transporte público e o transporte de viaxeiros; “materia na que hai que evolucionar”, segundo indicou o alcalde da Estrada, José López.

 

 Ademais, tendo en conta a realidade territorial da comunidade, e concretamente no caso da Estrada, sendo unha localidade do interior de Galicia, con moita dispersión e extensión, “temos un factor determinante a maiores, que é o envellecemento da poboación”, sinalou o alcalde. A xente cada vez ten máis dificultades de mobilidade á hora de desprazarse, ben sexa por cuestións persoais, de saúde ou de calquera outra índole, e o que temos que facer dende o concello é darlle, polo menos, alternativas.

 

Pero esta medida tamén supón unha resposta de cara a xente máis nova, sensibilizada co emprego do transporte público fronte ao impacto xerado polo transporte privado no medio ambiente. Sen embargo, para que a implantación teña éxito temos que dar un servizo eficiente e de calidade, “non hai outra alternativa”, sentenciou.

 

O que máis afecta á Estrada é a conectividade das parroquias co casco urbano. Dende o consistorio enténdese que a iniciativa de implantar un autobús compartido posta en marcha pola Xunta é unha boa alternativa, pero aínda que poida ser viable para a maioría das parroquias, non soluciona o problema da conectividade.

 

O autobús compartido desprazaría aos usuarios ata os centros de educación infantil e primaria do ámbito rural (o Foxo, Oca, Codeseda e Vea), pero non resolve a problemática da conexión co entorno urbano, “que é onde a xente quere desprazarse para efectuar as súas actividades”, sinalou López.

 

No encontro de hoxe, o concello perseguía sobre todo atopar unha solución a ese problema de conectividade, para o que admiten que pode existir esa opción de autobús compartido, pero da man dunha lanzadeira que conecte os catro centros de ensino co casco urbano e poder chegar dese xeito a cubrir a practica totalidade das 51 parroquias que compoñen a localidade, xa que o autobús escolar pasa por case todas.

 

Outro problema é o que afecta á conexión con Santiago de Compostela. Aínda que a incorporación da Estrada á área metropolitana compostelá foi un paso moi importante de cara á conectividade coa cidade xacobea, mellorando os prezos do transporte e a conexión coa cidade ao permitires facer un primeiro trasbordo de maneira gratuíta, segue habendo un problema de calidade de servizo e de horarios.

 

Actualmente existe un problema tanto de horarios como de acceso á información destes, así como do establecemento das paradas. Cómpre que a xente teña claro os horarios e a situación das paradas homologadas, e cómpre tamén incrementar a cadencia dos traxectos para favorecer os desprazamentos, sinalou o munícipe.

 

Outro aspecto importante sobre o que existen queixas é a conectividade da zona norte, na N-525 coas parroquias da zona, na que opera outra compañía concesionaria con outro fluxo de servizos e horarios. Dende esta zona solicítase información accesible e a instalación de máis paradas.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1