O Espazo Concilia A Estrada celebra o sábado unha xornada de portas abertas

O servizo arrancará o día 14.

 

O Espazo Concilia A Estrada será unha realidade o día 14. Antes desta data, este sábado, día 12, celebrarase unha xornada de portas abertas a partir das 17.00 horas con diversas actividades. Aínda quedan prazas libres e os interesados poderán anotarse no departamento de Servizos Sociais do Concello.

 

O sábado as familias poderán coñecer as instalacións da ludoteca, sitas no Novo Mercado, e coñecer como será o funcionamento do servizo, así como poderán ver os materiais, xoguetes e poder resolver calquera dúbida.

 

 As portas abrirase de 17.00 horas  a 19.00 horas e asistirá algún representante do Concello. Ademais, ás 17.30 horas os asistentes poderán desfrutar dun contacontos e a partir das 18.15 horas, dun taller de globoflexia e de  pintacaras para todos os nenos e nenas.

 

Este servizo municipal de conciliación nace como un espazo dedicado ao ocio dos máis pequenos, dirixido a rapaces de 3 a 12 anos, que ten como finalidade que os cativos se divirtan ao mesmo tempo que aprenden. Sempre estarán guiados e acompañados por un equipo de profesionais con gran experiencia no traballo coa infancia. Ademais, de por suposto, permitirlle aos pais a conciliación laboral e familiar.

 

O día 14 arrancará o servizo e o horario será de luns a venres de 15.30 a 20.30 horas e os sábados de 08.30 a 13.30 horas. Mentres, nos períodos non lectivos será de 09.00 a 14.00 horas. Neste espazo haberá un sinfín de actividades e servizos: aula de apoio e reforzo escolar, espazo infantil, obradoiros de manualidades, talleres de cociña e de educación para a saúde, educación emocional e en valores a través do xogo, campamentos de verán e de Nadal; saídas, excursións e xogos ao aire libre, xincanas e dinámicas de equipos, actividades predeportivas, psicomotricidade e baile; teatro con titirinenos e titirinenas, celebración de días especiais, actividades interxeracionais, sala de titorías e atención psicopedagóxica especializada, apoio individualizado ás familias, charlas, conferencias e formación para as familias, sesións de coaching educativo e familiar tanto para nenos como para as familias, festas e animacións, entre outros. Ademais, os sábados haberá diversas actividades sorpresas, segundo a época do ano.

 

Prazas libres

O Concello adxudicou o novo servizo de conciliación da vida familiar e laboral á Acode S.L por un importe de 45.500 euros. Ofértanse un total de 45 prazas e aínda quedan algunhas dispoñibles. Os interesados deben inscribirse no departamento de Servizos Socias, sito na planta baixa do Consistorio.

 

Poden anotarse por día ou por mes completo. Haberá diversos descontos para familias e tamén  posibilidade de coller bonos con prezos como seis euros por un ou 25 euros por cinco. 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1