O Teatro Principal alberga o domingo un concerto benéfico a favor de Apacaf

Participarán o Coro Feminino San Simón, a Coral Polifónica de Berres, Manoele de Felisa, The Bichos Jazz Band, Manolo do Atlético e o Padre Xiao.

 

CARTEL dia do autismo

Un ano máis a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista de Centros de Apoio Familiar (Apacaf) celebra un concerto benéfico para conmemorar o Día Mundial do Autismo, que se celebra cada ano o 2 de abril. Será este domingo, día 29, ás 19.00 horas no Teatro Principal e nel a música, o humor e a solidariedade irán da man.

 

Presentado por José Luna a cita estará amenizada pola música do Coro Feminino San Simón de Cacheiras, da Coral Polifónica de Berres, de Manoele de Felisa e de The Bichos Jazz Band. O humor poñerano Manolo do Atlético e o Padre Xiao. O evento foi presentado esta mañá pola concelleira de Benestar Social, Amalia Goldar, pola responsable de comunicación de Apacaf, María García Márquez, por Candela Rey, usuaria do centro A Braña, e por Manuel Villar, presidente da Coral Polifónica de Berres.

 

“Esta cita servirá para pasar un bo rato, pero sobre todo para colaborar con unha boa causa que merece todo o noso apoio e o que se recadará irá destinado ao centro de A Braña, de Berres, para poder facer actividades cos usuarios que alí se atopan”, indicou Goldar.

 

As entradas teñen un custe de cinco euros para adultos e  de tres para os menores de 12 anos e poden mercarse en Alcaldía e no departamento de Cultura, sitos no segundo andar do Consistorio, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. Tamén poden adquirise no centro de Apacaf de A Braña, en Berres, así como en Simply Travel, sito na rúa Justo Martínez do casco urbano estradense.  Será en beneficio das persoas con autismo.

 

Ademais das distintas actividades que fan no centro, tal e como apuntou María García Márquez, parte do recadado destinarase á aula multiusos que teñen en marcha e van equipando aos poucos. “De feito, estamola sacando adiante con todas as colaboracións que vamos tendo, como co recadado no concerto do ano pasado, cos partidos de fútbol benéficos...”, confesa.

 

O pasado 2 de abril celebrouse o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, unha data que se vén conmemorando desde hai unha década. Apacaf uniuse a esta celebración o día 14 e, en colaboración co Concello da Estrada, colocaron un stand informativo no Novo Mercado e procederon á lectura dun manifesto. E como continuación ao programa de actividades en conmemoración deste día está a celebración deste concerto o domingo. “Queremos expresar o noso entusiasmo polo cartel porque para nós é un cartel magnífico. Estamos impresionados con que artistas deste nivel queiran colaborar con nós”, agradeceu María García Márquez.

 

Tamén haberá un photocall e ao final do concerto sortearase entre o público un vale de compra de 50 euros da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE).

 

Apacaf ten o seu centro en A Braña, na parroquia estradense de Berres, e é pioneiro en Galicia na atención á persoas con autismo. Apacaf este 2018 cumpre 30 anos, polo que estas actividades engrosan a programación que teñen previsto para ao longo deste ano con motivo do seu aniversario. “Apacaf naceu simplemente como unha centro de ocio e respiro das fins de semana, pero foi evolucionando e agora estamos ofrecendo moitos servizos e máis actividades”, explica a responsable de comunicación da entidade. Na actualidade, é residencia os 365 días do ano e funciona como centro de día tamén, ofrecendo actividades de ocio e tempo libre. Tal e como explica García, na actualidade teñen 34 usuarios, todos adultos con autismo, de distintas zonas de Galicia e destes 8 viven no centro.

 

“Eu sei como empezou Apacaf e coñezo o traballo que fan alí e os custen que teñen, polo que nós intentamos colaborar ao máximo. E quero agradecer aos demais participantes, porque foi chamalos, e xa aceptaron totalmente de maneira desinteresada”, concluíu Manuel Villar.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1