A compañía estradense Disfunción Continua representa o sábado a súa obra Departamento de Selección no Teatro Principal

As actrices Clara Iglesias, Rosa López, María Porto, Bea del Río e Natalia Carbajal da compañía de teatro estradense Disfunción Continua debutarán este sábado, día 28, sobre o escenario do Teatro Principal. Representarán a súa obra Departamento de Selección que está dirixida por Jouse García. A cita será ás 20.30 horas.

 

disfunciona continua“Como xa sabedes, Disfunción Continua é unha compañía de teatro amador estradense que leva algo máis de 6 anos amosando o seu amor polo teatro e percorrendo Galicia con grande expectación do público”, sinalou Juan Constenla, concelleiro de Cultura, durante a presentación da obra. Constenla estivo acompañado das actrices Clara Iglesias e Natalia Carbajal. 

 

Departamento de Selección é un drama, cunha duración de 80 minutos. Aborda o tema das entrevistas laborais. Así a trama fíxase en torno a un grupo de persoas que asisten a unha entrevista de traballo nunha multinacional, pero a dureza das entrevista converterán ao proceso selectivo nun xogo cruel e perverso que sacará o peor de cada personaxe. “Neste caso non é unha comedia, é un drama no que esa entrevista de traballo se converte nunha especie de xogo perverso, cruel no que se van poñer de relevo os peores instintos humanos: a falta de empatía, o desexo de conseguir o que un quere por riba de todo”, explica Clara Iglesias. 

 

A obra é unha crítica do que supón a deshumanización do mundo capitalista que converte ás persoas en inimigos e competidores dispostos a emprender unha loita salvaxe na que todo vale. Serve a modo de reflexión.

 

As entradas, cun custe de tres euros, poden mercarse previamente no departamento de Cultura do Concello, sito no segundo andar do Consistorio, en horario de luns a venres 09.00 a 14.00 horas, ou en Calzados A Esquina.

 

Disfunción Continua arrancou con actrices sen ningunha experiencia, agás María Gaiteiro, e ao longo destes anos xa estreou catro espectáculos: Cóncavo-Convexo (2012), Eran outros tempos, ou non? que tal e como comenta Natalia Carbajal, “tivo moita aceptación chegando ás 25 representacións, sendo moi importante para un grupo de teatro afeccionado”;  despois veu Teimas que transcorría na sala de espera dunha consulta dun psiquiatra e agora chegou Departamento de selección. “Nesta hai un cambio de rexistro total do que viñamos facendo ultimamente”, apunta Clara Iglesias.

 

Jouse García sempre foi o director de todas as obras de Disfunción continua.

 

Natalia Carbajal aproveitou a ocasión para facer un agradecemento público a Miguel Ares “porque é a persoa que colabora con nós como técnico de son que é unha parte máis, que está aí con nós desinteresadamente”.

 

Pola súa parte, Clara Iglesias quixo agradecer á Asociación Santa Apolonia de Guimarei que lles cede un local da parroquia gratuitamente para que a compañía poida ensaiar. Tamén fixeron mención á Abel Carbajal, autor do cartel da nova obra.

 

O sábado na Estrada será a sexta función de Departamento de Selección despois de ser interpretada en Ribadeo, Cerdedo, Antas de Ulla, Combarro e en Aguiño. As actrices estradenses anunciaron que despois de verán estrearán unha nova obra.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1