Máis de 200 actores de 3 a 60 anos daranse cita o domingo no VI Festival de Teatro Escolar A Estrada

Incluirá un roteiro teatral, musical e poético en Sabucedo.

 

Festival Teatro EscolarO teatro escolar volverá ter unha cita na Estrada. Será este domingo, día 29 de maio, coa celebración do VI Festival de Teatro Escolar, artellado pola Aula de Teatro Avelaíñas Teatro do IES Antón Losada Diéguez contando coa colaboración da Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo, co equipo de Dinamización Lingüística, co Club de lectura Retelladores do galiñeiro, deste instituto, así como ca Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande e co Concello da Estrada. Esta mañá, Xosé Eixo, axudante de dirección e integrante da Aula de Teatro do centro educativo e Verónica Vázquez, integrante do mesmo, deron todos os detalles xunto a Juan Constenla, concelleiro de Cultura, e Iván Sanmartín, da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo.

 

Nesta xornada participarán máis de 200 actores e actrices de cinco Aulas de Teatro de diferentes zonas de Galicia, concretamente, chegarán desde Laxe, Santiago de Compostela, Palas de Rei, Touro, e por suposto, os da Estrada, de idades comprendidas entre os 3 e os 60 anos.

 

cartel Festival Teatro EscolarO festival arrancara ás 12.00 horas con representación no Teatro Principal da obra Un planeta literario máxico, que tal e como sinalou, Xosé Eixo, nela actuarán os 40 integrantes de Avelaíñas Teatro, así como os da Escola Municipal de Teatro de Laxe, os do Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, os da Aula de Teatro CPI de Touro e  os da Aula de Teatro do IES Antón Fraguas de Santiago.

 

É un espectáculo de creación colectiva que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a paz, a humildade, o respecto... Ademais, é unha viaxe a universo da imaxinación, da diversión e do xogo para abrir unha fiestra á fantasía e desfrutar da maxia da creatividade que ilumina un camiño de marabillas que permiten poñer as ás e voar. Trátase dun espectáculo que pretende alentar o desfrute dos sentidos.

 

“É unha iniciativa pedagóxica que non podemos deixar de aplaudir e difundir como se merece, xa que ademais do estímulo que supón a nivel formativo para o alumnado, tamén serve para poñer en valor unha contorna natural e paisaxística tan atractiva como son as terras de Sabucedo”, apuntou Juan Constenla.

 

Tras unha comida en Sabucedo terá lugar, a partir das 16.00 horas, na mesma parroquia un roteiro teatral, musical e poético que estará protagonizado por veciños e veciñas da aldea, polo alumnado da Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez e pola Asociación A Rapas das Bestas. Será unha mistura de música, teatro, poesía e xogos co obxectivo de achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación e intercambio entre persoas de diferentes idades e localidades, o achegamento ao alumnado ao mundo rural e á cultura tradicional e a posta en valor do patrimonio cultural e popular galego, tal e como sinalou Verónica Vázquez.

 

Será unha actividade aberta a todo o público que permitirá coñecer as paisaxes de Sabucedo e poder gozar de diversas obras teatrais en distintos puntos da parroquia, sendo o público o que se mova dun lugar a outro. “Por parte da Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo estamos moi contentos de que este festival se leve a cabo en Sabucedo porque entendemos que é unha actividade moi concorde cos valores da Asociación. Xa que o de xuntar natureza e cultura é o que nós intentamos facer ao longo de todo o ano, e non só os días da rapa. E estamos seguro que os escenarios naturais e arquitectónicos de Sabucedo van ser uns escenarios dos que desfrutarán moito os asistentes”, concluíu Iván Sanmartín. 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1