A Praza da Constitución (Praza do Concello) acollerá unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia este xoves, día 26, e o venres, día 27. Os interesados en doar sangue poderán facelo pola mañá de 10.00 a 14.00 horas e pola tarde, de 16.00 a 21.00 horas.
A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneas a todos os hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas dez unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.
Cada día precísanse dunhas 500 doazóns de sangue para poder axudar a centos de enfermos.
Lembrar que a doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar os seus problemas de saúde e, incluso, salvar a súa vida. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres deixando pasar entre cada doazón un mínimo de dous meses. Non se pode acudir sen almorzar e despois do xantar hai que agardar dúas horas.