Dextrum Ensemble ofrecerá o sábado no Teatro Principal un concerto de estilos variados

A programación cultural de Primavera do Concello da Estrada segue o seu curso no Teatro Principal. Este sábado, día 14, será a quenda do concerto Acuarelas sonoras de Dextrum Ensemble ás 20.30 horas. A entrada é de balde, pero é necesario recoller previamente as invitacións. Pode retirarse no Departamento de Cultura, sito na segunda planta do Consistorio, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou ben na billeteira do Teatro uns minutos antes da actuación.

 

Dextrum EnsembleDextrum Ensemble é un grupo de catro músicos galegos que tocan o saxofón. Nas cores máis escuras da paleta, tal e como afirman eles, están Alberto Rocha, natural de Covelo, ao saxofón barítono e o estradense Javier Comesaña ao saxofón tenor, encargados de dar as pinceladas máis graves. E nas cores máis brillantes están Blanca Represas, de Xinzo de Ponteareas, a mans do saxofón alto e Miriam Aneiros, de Cedeira, co saxofón soprano, encargadas de poñer ese toque de claridade e brillantez nos trazos agudos. “Unhas das nosas máximas é ter o dereito pleno de facer música para que todo o mundo teña dereito a desfrutala”, apunta o grupo.

 

O título Acuarelas sonoras, co que bautizaron o concerto que darán o sábado na Estrada, foi escollido polo feito de “que nel atoparemos músicas de moi diversas texturas e de moi variados estilos, iso si cheo de cores e sensacións”. Tocarán pezas de F. Medelssohn, do compositor estradense Xavier Comesanha, de X.A. Vázquez, de Gillermo Lago e de A. Piazzolla. “Cabe resaltar que as composicións de X.A. Vázquez e a de Xavier Comesanha están recén saídas do forno xa que foron estreadas por nós o pasado sábado día 7 de abril no seo do Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela no marco do XXII Ciclo de Músicas de Nova Creación, que organiza a Asociación Galega de Compositores coa colaboración da USC e da fundación SGAE”, sinala Dextrum Ensemble.

 

Das pezas elixidas para a ocasión, a obra de Mendelssohn titúlase Capriccio na que a propia música fai honra ao título, segundo sinala a agrupación. “A peza de Comesanha, Stravaganza, da cal somo adicatarios, é unha extravagante combinación e sons e caracteres”. A música de X.A. Vázquez Señardade está impregnada de cores e sons da terra. A obra Ciudades de Guillermo Lago “transportarannos pola alegría e enerxía de Córdoba e fará un percorrido pola traxedia da Guerra de Bosnia e finalmente, achegaranos ao exotismo da capital de Etíope, Addis Abeba”. Finalmente, interpretarán Close your eyes and listen de A. Piazzolla “onde como o título insinúa o mellor é pechar os ollos e deixarse levar pola música”.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1