O centro de día da Estrada ofertará 20 prazas a xornada completa e 40 a media xornada

O prezo polo servizo completo será duns 600 euros mensuais.

 

O goberno local segue sorteando obstáculos para a posta en marcha do centro de día. Tal e como apuntou hoxe o alcalde, José López, “xa temos xustificado o cumprimento dos criterios que establece Política Social para a creación do centro de día, que basicamente o que nos quedaba era xustificar a accesibilidade do ascensor, que nos comprometemos a realizar unha pequena modificación, incluíndo un ascensor de maiores dimensións das que estaba previsto no inicio, e tamén nos validaron o tema da xustificación da accesibilidade e a de seguridade e incendios”.  Tras isto, o alcalde augura que na primeira semana de abril lles sexa concedida a autorización. A partir de aí comenzaranse a executar as obras pendentes.

 

O alcalde adianta que se reunirán con Agadea para decidir a maneira en que será xestionada o centro. López é consciente do gran número de familias, tal e como puido comprobar nunha reunión anterior, que  precisan con urxencia este servizo. “Os tres servizos que estamos poñendo en marcha, o Espazo Concilia A Estrada, a escola infantil e o centro de día, veñen a cubrir tres demandas fundamentais á hora de buscar a conciliación”, sinala López, que indica que as administracións teñen que apostar por servizos e infraestruturas que a permitan realmente.  “Cando falamos de conciliación non só falamos de nenos, que tamén, senón dos maiores, que son unha responsabilidade desta sociedade, polo que temos que buscar os mecanismos para que teñan a mellor calidade de vida e para que non supoñan unha carga excesiva para as propias familias permitíndolle ter un respiro e un descanso, tanto co centro de día como co de Alzhéimer que xa está en funcionamento”. Este último centro púxose en marcha fai tres anos e tal e como comenta López, a raíz disto viuse a necesidade que teñen moitas persoas de ter tamén un centro de día.

 

O alcalde sinala que é moi posible que se poñan estes tres servizos en funcionamento este mesmo ano “sendo un logro histórico para a Estrada”. O rexedor apunta que a nivel de servizos sociais “A Estrada está investindo máis de 1,2 millóns de euros ao ano en prestación de servizos ás persoas máis necesitadas, sobre todo aos maiores, aos dependentes”. Pero o alcalde é consciente de que “nos faltaban infraestruturas para prestar eses servizos e con estas tres soluciónase ese déficit”.

 

O centro de día situarase nas instalacións do Novo Mercado onde quedará practicamente ocupada a primeira planta na que se atopa tamén o viveiro de empresas e o 80% do espazo vaino ocupar o centro de Alzhéimer e o centro de día.

 

Tarifas do centro de día

Aínda que non hai nada cerrado, tanto o alcalde como a concelleira de Benestar Social, Amalia Goldar, apuntan unha media dos prezos que deberán abonar os usuarios. A xornada completa, que serán unhas oito horas coa comida incluída, custará uns 600 euros mensuais. Tamén hai posibilidade de media xornada, ou incluso, por horas. Ofertaranse 20 prazas a xornada completa e 40 a media.

 

Tamén se ofrecerán outros servizos a maiores para os usuarios, por exemplo de peluquería, de podoloxía... segundo as necesidades que vaian xurdindo, ademais das actividades diarias que seguirán unha programación.  “Gustaríanos facer algo co Espazo Concilia facendo unha actividade mixta entre os nenos e os maiores e incluso temos pensando facer charlas e cursos tamén para as familias”, apunta López.

 

O rexedor incide da importancia de contar, gracias a fondos aportados polo GDR, cunha furgoneta adaptable que xa ten dispoñible e en uso Agadea para trasladar aos usuarios do centro de Alzhéimer, e que despois tamén aportará este servizo tan importante aos usuarios do centro de día.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1