A IV Xornada de Encontro e Convivencia de Maiores da Estrada será o 7 de abril no Coto Ferreiro

O prazo de inscrición en Servizos Sociais arranca o luns ata o día 3.

 

A Estrada celebrará o sábado 7 de abril a súa IV Xornada do Encontro e Convivencia de Maiores que terá como escenario o pavillón municipal Manuel Coto Ferreiro. Esta iniciativa levada a cabo pola concellería de Benestar Social, dirixida por Amalia Goldar, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos maiores e mellorar as súas vías de relacións sociais de tal maneira, que esta xuntanza serva para que os asistentes poidan intercambiar experiencias e recordos e pasar unha xornada agradable. Polo tanto, é unha actividade que ten unha clara finalidade social e integradora.

 

“Esta actividade ten sempre moi boa acollida e é unha das demandas expresadas de maneira reiterada polas persoas maiores”, sinala Goldar. O menú estará composto a base de empanadas de bonito e bacallau, mexillóns ao vapor, carne ao caldeiro con patacas, sobremesa, pan e bebidas e terá un custe de 7 euros por comensal.

 

Para poder asistir as persoas deberán estar empadroadas no municipio estradense e ter 60 anos cumpridos, pero existe a excepción de que a parella, o cónxuxe, que acompañe a esa persoa pode acudir igual, aínda que sexa menor de esa idade.

 

O prazo para inscribirse abrirase o luns, día 19, ata o 3 de abril. As persoas interesadas deberán anotarse no departamento de Servizos Sociais do Concello, sito na planta baixa do Consistorio. Será alí onde aportarán os seus datos e despois terán que abonar ese custe de sete euros.

 

Servizo de transporte

 

A concelleira sinala que haberá transporte para quen así o desexe, pero deberán indicalo no momento da inscrición. “Despois xa avisaremos con antelación do horario e do lugar de recollida a cada interesado”, indica Goldar.

 

Ademais do xantar de confraternidade, a xornada estará animada por música. Ademais, durante o acto aproveitarase para homenaxear ao home a á muller de maior idade da festa aos cales se lles fará entrega dun agasallo.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1