Unhas 500 persoas anotáronse ás actividades de Prevención de Dependencia da Estrada

Aínda quedan catro prazas para anotarse en Arteterapia.

 

A concellería de Benestar Social do Concello da Estrada convocou un ano máis actividades de Prevención de Dependencia, que se impartirán tanto no rural como no casco urbano e están dirixidas a persoas maiores de 50 anos. A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Amalia Goldar, apuntou esta mañá que se anotaron ao redor dunhas 500 persoas que se dividirán en 35 grupos. Ofértanse: xerontoximnasia, aeróbic de mantemento, taller de memoria e pilates.

 

Mañá, mércores, comeza o prazo, ata o día 15 de marzo, para que as persoas admitidas poidan facer o pago das actividades. A carta de pago debe recollerse no departamento de Servizos Sociais, planta baixa do Consistorio, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. Aínda que se informará a cada admitido do prazo para poder facer o abono, quen o desexe xa pode recoller mañá a carta de pago para formalizar a inscrición. Aquí especificarase o número de conta e os horarios de cada actividade, que arrancarán o 19 deste mes.

 

Arteterapia

 

Por outra banda, mañá, mércores comezan as actividades de Arteterapia, dirixidas á persoas con discapacidade intelectual. As actividades levaranse a cabo desde mañá ata o 14 de decembro, agás no mes de agosto, durante tres días á semana con tres horas diarias de duración. “Anotáronse 11 persoas, habendo un límite de 15, polo que aínda quedan catro prazas libres, e quen o desexe poden anotarse dirixíndose ao departamento de Servizos Sociais”, sinala Goldar.

 

Estas actividades serán impartidas pola Asociación Galega das Artes e terán como escenario as instalacións deste colectivo, sitas na Avenida de Vigo, número 25, baixo da Estrada. A concelleira visitará mañá, ás 17.30 horas, estas instalacións para asistir a apertura das mesmas.

 

Esta iniciativa está dirixida ás persoas empadroadas no municipio estradense e que teñen unha discapacidade intelectual igual ou superior ao 33%. As sesións, de marzo a decembro, con descanso no mes de agosto, terán lugar os luns, mércores e xoves en horario de tarde, de 16.00 a 19.00 horas.

 

Os obxectivos deste programa son, entre outros, fortalecer a independencia e a autonomía persoal posibilitando que as persoas con discapacidade intelectual adquiran e manteñan habilidades instrumentais e funcionais para a vida diaria; favorecer o desfrute e a calidade de vida por medio da aprendizaxe de habilidades sociais e persoais, desenvolvendo actividades socioculturais, ocupacionais, artísticas e creativas; fomentar a igualdade de xénero entre os participantes realizando actividades nas que poidan participar indistintamente homes e mulleres e promovela integración de persoas e colectivos en situación de desvantaxe social, fomentando actividades grupais normalizadoras de ocupación de tempo de lecer.

 

O apoio ás familias das persoas con discapacidade e o desenvolvemento de actuacións para a promoción de vida independente, tanto no ámbito persoal como social, son aspectos básicos para a planificación de actuacións dirixidas á persoas con discapacidade e organizadas dende o departamento de Servizos Sociais deste Concello.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1