O departamento de Cultura do Concello da Estrada crea un videoclip en homenaxe a Rosalía

Participan máis de 100 persoas desde distintos puntos do mundo e aparece case unha vintena de idiomas distintos.

 

A obra de Rosalía de Castro é infinda, como a súa propia persoa, que ten tal repercusión e dimensión que é universal e cada 24 de febreiro, data do seu nacemento, realízanselle milleiros de homenaxes. O Concello da Estrada súmase tamén a esta conmemoración durante esta semana. Ademais, de dous actos previstos para esta tarde e para o sábado, o  Concello apostou por crear un videoclip no que participaron máis dun centenar de persoas desde diferentes partes do mundo e no que se empregou un total de 18 idiomas. O traballo foi realizado polo estradense Lucas Terceiro. Proxectarase por primeira vez esta tarde no Museo do Moble e da Madeira (MOME), ás 20.00 horas,  e a xornada completarase cun recital do alumnado dos centros educativos estradenses. O videoclip poderase ver a través de Youtube e das canles do Concello.

 

Baixo o lema Rosalía Infinda, o poema tan coñecido de Rosalía Adeus ríos, adeus fontes, baixo a banda sonora do tema Tránsito de Berrogüeto, recorre diferentes zonas do mundo a través de máis dun centenar de persoas e de 18 linguas diferentes: alemán, árabe, catalán, checo, español (con acento andaluz), eúscaro, francés, gaélico irlandés, inglés británico, italiano, polaco, portugués, turco, brasileiro, inglés australiano, chinés, español de Arxentina e xaponés. Ademais, no vídeo aparece alumnado de todos os centros educativos da Estrada recitando versos deste poema en galego. “É un videoclip que trata de poñer en valor a proxección universal da obra de Rosalía a través secuencias fragmentadas en distintas linguas e imaxes chegadas de todos os puntos do planeta”, explica o  edil de Cultura, Juan Constenla.

 

O acto no MOME completarase cun recital dalgún alumnado dos centros educativos da Estrada no que cada un elixiu un poema para ocasión, escollendo a maioría deles versos de Cantares Gallegos e Follas Novas.

 

O sábado a música na honra a Rosalía estará amenizada por Rosalía Trío ás 20.30 horas no Teatro Principal. Esta agrupación está formada pola pianista Margarita Viso, o óboe de Juan Pérez Berná e a mezzosoprano María José Ladra. A entrada será de balde, ata completar o aforo, e as invitacións xa se poden recoller no departamento de Cultura, sito no segundo andar do Consistorio, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou en billeteira o día da actuación.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1