A Sala Abanca albergará o 3 e o 10 de marzo unha charla informativa sobre a avespa Velutina

A Sala Abanca acollerá os sábados 3 e 10 de marzo unhas charlas informativas sobre a avespa Velutina impartidas pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) en colaboración co Concello da Estrada. Os actos, abertos a todo o público, serán ás 17.30 horas, tal e como apunta o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Constenla. As charlas terán como obxectivo concienciar a veciños e asociacións sobre a importancia de colocar trampas para erradicar esta invasión que se está convertendo nunha lacra.

 

Ambas charlas, que versarán sobre o mesmo, pero en días distintos para permitir que a xente poida asistir cando mellor lle conveña, tratarán sobre a problemática da avespa Velutina, máis coñecida como avespa asiática, e darán todas as pinceladas para concienciar e para conseguir a súa erradicación.

 

Durante o acto darase información sobre as características desta especie procedente de Asia e tamén se aportarán detalles que permitan diferenciala da especie autóctona. Ademais, indicarán como detectar a presencia dun niño de Velutina, distinguindo entre un primario e un secundario. Tamén, concienciarán sobre a importancia de eliminar estes niños e a maneira en como se pode facer. Concretamente, a eliminación do niño primario é sinxela e débese facer sempre de noite pulverizando con insecticida a través do orificio de entrada do niño, mentres que a do secundario é moito máis complexa, polo que terá que ser levada a cabo por persoas especializadas, polo que neste caso, hai que chamar ao 112.

 

Estas charlas son de gran importancia nestas datas tendo en conta que é o momento para capturar ás raíñas, que abarca desde febreiro a maio incluídos, xa que é a fase de construción e actividade do niño primario. O mellor lugar para colocar as trampas son as camelias porque teñen flor nestes meses e atraen moito ás raíñas de Velutina. Existen trampas comercias dispoñibles no mercado, aínda que se poden facer de maneira caseira e de forma sinxela, algo que tamén explicarán nas charlas.

 

Juan Constenla pide a colaboración da cidadanía para que en conxunto todos aportemos axuda para acabar con esta lacra, xa que provocan danos na apicultura, danos medioambientais, agrícolas e frutícolas e en xeral, son prexudiciais para a saúde e para a seguridade cidadá.

 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1