O Concello da Estrada adhírese un ano máis ao programa Depotermal da Deputación

Un ano máis, e tal como apunta a concelleira de Benestar Social, Amalia Goldar, o Concello da Estrada acaba de adherirse ao plan de termalismo social Depotermal. Este programa ten como iniciativa fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social e promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade, con estadías en balnearios da provincia de Pontevedra.

 

A Deputación oferta 4.434 prazas para o 2018. Destas, co obxectivo de garantir acceso a toda a poboación da provincia, resérvanse, por segundo ano, 434 prazas subvencionadas para as persoas con escasos recursos económicos ou en risco de exclusión.

Para poder optar a algunha das prazas reservadas para cidadáns sen recursos, en calquera das dúas modalidades do programa, os concellos deberán achegar o modelo de valoración social que acredite a situación da persoa solicitante ante a Deputación.

 

As dúas modalidades ofertadas son:

 

Por unha banda, a estadías diúrnas con tratamentos de luns a venres. Neste caso, haberá 1.248 prazas, das cales 1.000 contarán cunha subvención de 40 euros sobre o custe total. Resérvanse 248 prazas subvencionadas, cada unha con 100 euros, para persoas en situación ou risco de exclusión social, o que supón catro prazas para cada concello adherido ao programa.

 

E por outro lado, as estadías con pernoita. Aquí os participantes pasarán cinco días de estadía coas súas respectivas noites nos balnearios tamén de luns a venres. Nesta modalidade, haberá 3.186 prazas, das que 186 serán gratuítas para persoas en situación ou risco de exclusión social, que contarán cunha subvención de 200 euros. Resérvanse tres prazas para cada municipio adherido ao programa.

 

A concelleira sinala que se irá informando dos prazos e de todo o relacionado con este programa nos vindeiros días para que os interesados poidan realizar as súas solicitudes.




 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1