A EMAE e Tequexetéldere interpretan Voa o día 18 no Teatro Principal e o 24 en Braga

A Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada e a Escola de Baile, Canto e Música Tradicional Tequexetéldere, en colaboración co Concello, levarán de novo a súa peza Voa ao Teatro Principal.

 

voa1Será o domingo 18 ás 19.00 horas. As entradas, que teñen un prezo de cinco euros, poden mercarse no departamento de Cultura do Concello, segundo andar, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou en Calzados A Esquina. Desta volta, este espectáculo de teatro, danza e música cruzará fronteiras, xa que o sábado 24 representarase en Braga (Portugal) posto que forma parte da programación da 4ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza Canto D’ Aquí. Será ás 21.30 horas no Auditorio Adelina Caravana Gulbenkian. A celebración desta semana ten como finalidade homenaxear, a través da música, literatura e poesía, a dúas figuras importantes da Cultura de Portugal e Galicia: José Afonso e Rosalía de Castro.

 

voa2

Voa é unha iniciativa que xorde da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) e da Escola de Baile, Canto e Música Tradicional Tequexetéldere co obxectivo de honrar a lembranza dun autor universal: Xosé Neira Vilas e é interpretada por medio cento de persoas. Adaptada a partir da novela O espantallo amigo, a peza, duns 50 minutos de duración, é un canto á liberdade e á amizade. Un alegato pacifista no que a concordia, a solidariedade e a harmonía entre diferentes constitúe o cerne do relato. Na historia, o tío Ramón decide construír un espantallo para defender unha figueira das peteiradas voraces dos merlos, pero o boneco, no canto de espantar aos animais, decide facerse amigo deles e sementar a concordia entre todos os habitantes da horta.

 

voa3

O espectáculo vai dirixido ao público infantil e familiar e inclúe ademais varios poemas do libro infantil Cantos de sol a sol. A dramaturga encargada da adaptación foi Ana María Carreira, gañadora, entre outros galardóns, do IV Premio de dramaturxia Varela Buxán.

 

Despois do grande éxito acadado na súa estrea, o musical espera volver a colleitar os aplausos do público estradense.

 

 

 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1