Radio Estrada mantén aberto o prazo para o seu II Concurso de cartas de amor ‘Can Valentín’

Rapaces e adultos poden enviar os seus textos ata o 14 de febreiro e haberá diversos premios por categorías.

 

cartel concurso cartas valentin2018Co motivo da celebración do día de San Valentín, por segundo ano consecutivo, Radio Estrada convoca o seu concurso de cartas de amor, Can Valentín. O prazo para enviar as cartas xa está aberto e rematará o día 14 de febreiro. No certame pode participar todo o alumnado matriculado do ensino primario e secundario, e todos os adultos que o desexen. “A finalidade deste concurso é que os rapaces e as rapazas cultiven a escrita en galego, tanto sexa prosa como poesía, e que coñezan os envíos postais e como hai que facelos”, apuntan desde Radio Estrada. Ademais, o obxectivo é que vexan que hai diferentes tipos de amor e non só o romántico, como son o amor fraterno, o amor á natureza, o amor á amizade, o amor solidario, o amor a algunha inquedanza ou vocación, entre outros.

 

Os participantes deberán presentar o texto en prosa ou en verso, deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega, versar sobre o tema ‘amor, amores’, a extensión non deberá superar as 20 liñas e deberán estar escritas á man polo autor. Na cabeceira do escrito deberá incluírse o pseudónimo do autor, o curso e o nome do centro no que estea matriculado o alumno, (no caso de que sexan rapaces), o enderezo e o seu número de teléfono.

 

As cartas deberán entregarse en man ou a través do correo postal no enderezo Radio Estrada Avenida Benito Vigo, 94, baixo 36680 A Estrada, Pontevedra.

 

Haberá un total de cinco categorías: A. Alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria, B. Alumnado de 4º,5º e 6º de primaria, C. Alumnado da ESO, D. Alumnado de bacharelato e E. Adultos. Concederanse premios ás tres primeiras persoas clasificadas en cada categoría. Os premios serán material escolar, deportivo, doces, tarxetas agasallo da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE), agasallos de xoierías, de restaurantes e de Mar de Compostela, da Asociación de Turismo Rural…

 

O xurado do concurso estará formado por personalidades da cultura e da sociedade estradense que emitirá o seu fallo o 23 de febreiro e a entrega dos premios será ao día seguinte durante o programa matinal da radio dos sábados.

 

Os interesados poden obter máis información no teléfono 986 573 433 ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

 

As entidades e establecementos colaboradores son a Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE), o departamento de Cultura do Concello da Estrada, Mar de Compostela, as librerías Alberte Quiñoi, Duran, Faro, Lolimay, Marxe e Pérez Viondi, as tendas deportivas Aurora Sport, Plusmarca e Eva Shoes, as pastelerías La Milagrosa, Petiscos e Mimela, os restaurantes Regatos, Taberna Navegación e Argentinos Burguer, as xoierías Azabache, Benito Puente e Fondevila e a xoguetería Tiko Doco.

 

Descargar bases.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1