O entroido dos Xenerais da Ulla celébrase do 28 de xaneiro ao 3 de marzo

O barrio compostelán do Castiñeiriño recupera a celebración do entroido dos Xenerais da Ulla por primeira vez despois de 40 anos.

 

O entroido dos Xenerais da Ulla, Festa de Interese Turístico de Galicia, celébrase nos Concellos da Comarca.

 

Preto de 30 lugares e parroquias da Comarca da Ulla acollerán este ano altos ou atranques do entroido dos Xenerais da Ulla. Múltiples asociacións veciñais e comisións de festas organizan cada ano esta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2013, e contan coa colaboración conxunta dos Concellos de A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

 

A novidade máis destacable deste ano é a recuperación dos Xenerais da Ulla no barrio compostelán do Castiñeiriño, onde había case 40 anos que non se celebraba esta tradición. Así, o sábado 24 de febreiro, como colofón á tempada do entroido, a comitiva composta polos Xenerais, Correos e os coros de vellos e de bonito, percorrerán a parroquia para terminar cos famosos altos ou atranques no campo da festa.

 

É necesario destacar tamén a consolidación do alto virtual en Facebook entre as parroquias de Bama e Fao, do Concello de Touro, que comeza hoxe, luns 22. Trátase de levar a tradicional batalla dialéctica deste particular entroido á contorna online, no que gaña o bando cuxos versos acumulen máis “Me gustas”, pero sobre todo gaña a tradición, que se actualiza e salta dos cabalos ás redes sociais.

 

Ademais, a exposición fotográfica itinerante dos Xenerais dá Ulla, visitará este ano os concellos de Teo, A Estrada e Touro. É unha exposición de fotografías escollidas, cheas de cor, que recollen a esencia e o carácter do entroido rural tradicional dos Xenerais da Ulla. A mostra reúne un total de 60 imaxes, acompañadas de coplas ou atranques.

 

O entroido dos Xenerais da Ulla remonta ás súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución de 1846 ou as guerras carlistas. Os oito municipios nos que se celebra o entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade desde o 2011.

 

Os personaxes máis importantes son os xenerais e os correos dacabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abanderados, coros, comparsas e parrandas. Terminan representando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitando para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou de corazón.

 

Toda a información e o programa do entroido dos Xenerais da Ulla pódese consultar en www.xeneraisdaulla.com e nas distintas contas que o grupo dos oito municipios está a impulsar nas principais redes sociais para promocionar o evento: Facebook, Twitter e Instagram.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1