A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo , organizadora da ancestral tradición que leva o mesmo nome, ven de decidir o aprazamento da edición 2020 a unha nova data, que será os vindeiros 14, 15 e 16 de agosto, sempre que as condicións o permitan e sendo revisada esta decisión no mes de xullo.
A Rapa das Bestas de Sabucedo, segundo conta a lenda, naceu en época de peste, e superou acontecementos similares como a chamada Gripe de 1918, así como outros de natureza tamén tráxica como a Guerra Civil de 1936-1939, anos nos que mulleres, anciáns e rapaces cumpriron coa tradición e “non deixaron unha besta sen rapar”, como elas mesmas contaron.
Polo tanto, entendemos que, aínda na actual situación, a Directiva da Asociación Rapa de Sabucedo debe facer todo o posible para manter a nosa tradición, que ten como finalidade esencial rapar, identificar e desparasitar as bestas do Santo.
A identificación abrangue unha serie de parámetros legais que debemos cumprir en conformidade co establecido polas Administracións e a empresa aseguradora, sen deixar de lado o proceso de desparasitación e coidado das bestas, parte fundamental do traballo levado a cabo pola Asociación o do que nos sentimos especialmente orgullosos.A partir desta idea e observando o marco actual,tomamos a decisión de TRASLADAR A RAPA AO FIN DE SEMANA DO 15 E 16 DE AGOSTO.
No mes de Xullo será revisada a situación antes de tomar unha decisión final, na que os veciños de Sabucedo decidirán sobre a viabilidade da celebración, e en caso afirmativo, o cómo, sempre e cando se teña o visto bo tanto das autoridades sanitarias como das diferentes Administracións Públicas.
Por último, queremos agradecer moi especialmente aos nosos veciños e veciñas a súa boa disposición para seguir adiante, xa que son eles quen fan posible esta Tradición centenaria co seu esforzo e compromiso.
Moitas grazas pola vosa comprensión e moitísimo ánimo.