A XXIII Ruta do Salmón de BTT sairá o sábado ás 16:30 do Manuel Regueiro

21 Mai 2019

A XXIII Ruta do Salmón de BTT sairá este sábado, 25 de maio, ás 16:30 horas dende as instalacións do campo de fútbol Manuel Regueiro e a meta estará situada na parte inferior do Campo da Feira, tal como indicou onte o concelleiro de Deportes, Ismael Pena.

 

A entrega de dorsais efectuarase con antelación á proba nas casetas do campo de fútbol e, tralo inicio da competición realizarase unha saída controlada de preto de 3 quilómetros. O pelotón atravesará boa parte do casco urbano nesa distancia ata pasar o Campo da Feira cara Aluminios Campos, punto no que comezará o tramo libre, cunha distancia de 42 quilómetros, segundo explicou o presidente do club Bikestrada, Juan Vilariño.

 

O desnivel acumulado na proba ronda os 800 metros, que comezarán cunha baixada cara a praia fluvial, pasando por varios puntos e parroquias tales como Moreira, Barbude e Paradela, onde se atopará o primeiro punto de avituallamento. Tras bordear a Presa da Pina e atravesar Paradela atoparán o segundo punto de avituallamento no Coto de Ximonde. O percorrido continúa entón pegado ao río Ulla cara Cora e a aldea de Barro, onde se atopa o terceiro punto.

 

Os participantes dirixiranse despois a Santa Cristina de Vea e subirán cara Santeles, atravesarán pistas de terra en Renda e seguirán pola Carballa e a Frieira, onde comeza o novo tramo desta edición, que discorre pegado ao regato da ponte nova (Toedo) de regreso ao casco urbano a través da cañoteira.

 

A competición ronda os 200 deportistas inscritos, pero Vilariño situou a expectativa arredor dos 300 participantes, que se poden inscribir a través da páxina web www.emesports.es. A proba conta coa colaboración de varias entidades, ademais do Concello, como son a carnicería Codesido, Argentinos Burger, o club Bikestrada, Helvetia, Inversia Seguros e Aurora Sport.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1