As obras de Fernando Conde e a Alameda pendentes dos últimos retoques

21 Mai 2019

As obras da Avenida de Fernando Conde e da Alameda da Estrada están experimentando ao longo destes días os seus últimos retoques. Con ambas a piques de rematar, o alcalde da localidade, José López Campos explicou onte que a Avenida de Fernando Conde sufrirá os vindeiros días cortes de tráfico e os correspondentes desvíos por mor dos traballos de aglomerado e pintado da rúa.

 

Unha vez realizados estes traballos a parte máis importante da actuación estará rematada, pero aínda restará a instalación do mobiliario urbano, tal como bancos e papeleiras. Por outra banda, na Alameda están aplicando formigón na parte exterior da praza da Constitución, onde se suprimirán os contedores subterráneos, que xa levaban meses en desuso, dende a chegada do camión de recollida lateral, incompatible con ese modelo de contedores, ademais da sucidade que provocaban ese tipo de contedores, nos que o lixo se acumulaba no fondo.

 

A nova área conformará unha media lúa que incluirá unha zona de aparcamentos e outra de carga e descarga para vehículos comerciais, informou López. Quedan tamén por finalizar os traballos de iluminación. Sacaranse os cadros da luz situados na fachada posterior da Casa Consistorial e conducirase os cables eléctricos baixo terra, atravesando a rúa mediante unha perforación dirixida.

 

Estase valorando tamén como derradeira proposta a instalación de aseos públicos nesa parte traseira do Concello, posto que existen conexións de saneamento na zona e ese feito facilitaría a instalación, pero é unha idea que aínda se está estudando, concluíu o alcalde.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1