O Concello da Estrada convoca un ano máis os campamentos deportivos de verán

14 Mai 2019

O Concello da Estrada convoca un ano máis os campamentos deportivos de verán para os meses de xullo e agosto. Esta será a décima edición na que se celebre esta actividade dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 15 anos, nados entre os anos 2004 e 2014, segundo explicou hoxe o concelleiro de Deportes, Ismael Pena.

 

Ofertaranse 300 prazas por quenda, tanto para xullo como para agosto, e o prazo de inscrición para a primeira delas permanecerá aberto do 3 ao 7 de xuño. Este trámite terá que efectuarse a través da sede electrónica ou no rexistro do Concello, situado na planta baixa da Casa Consistorial en horario de atención ao público. Durante o mes de xullo abrirase o prazo de inscrición para a quenda de agosto. Para formalizar a inscrición será preciso entregar a ficha debidamente cumprimentada e unha fotocopia do DNI e da tarxeta sanitaria do participante.

 

A actividade manterá o prezo das pasadas edicións; 80 euros por participante, aplicándose o único desconto segundo o número de membros da mesma unidade familiar que participen no campamento. Deste xeito, a inscrición dun segundo neno custaría 60 euros; a dun terceiro, 30 euros e sería gratuíto a partir do cuarto.

 

As actividades que compoñen o Campus Deportivo inclúen fútbol, baloncesto, atletismo, bádminton, natación, tenis, ciclismo, judo, karate e xogos predeportivos para os máis pequenos. Ademais realizarase en cada quenda unha excursión ao Aquapark de Cerceda e unha acampada nas instalacións das piscinas municipais.

 

Para rematar, o concelleiro agradeceu a colaboración de todos os organismos e empresas que colaboran nesta actividade, tales como a Deputación de Pontevedra, Seguros Helvetia, Inversia e a panadería A Fogaza, que se encargará da parte do catering da excursión e a acampada.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1