A Estrada bailará ao ritmo dos anos oitenta na Zona dos Viños o 16 de maio, data na que se celebrará unha festa temática ambientada nesa época e que contará coa actuación en concerto de Teo Cardalda, Golpes Bajos e Cómplices, ademais de 25 músicos estradenses que interpretarán o repertorio musical máis característico daqueles anos.
A festa comezará a partir das 21:30 horas coas coreografías de Sondodance e o Grupo Funky Vibes de Absolute, informou o concelleiro de Cultura do Concello da Estrada, Juan Constenla, quen animou á veciñanza a acudir á festa caracterizada coas roupas e estética propias da década debido a que a persoa mellor caracterizada gañará un bono para asistir ao festival Portamérica en Caldas de Reis.
A Zona dos Viños lucirá acorde coa temática da festa, con adornos e materiais que tratarán de transportar no tempo aos asistentes. Ademais do ornato instalarase no exterior unha zona con postos de discos e complementos da época e un servizo de perruquería temática a disposición do público, nun evento que suporá o inicio de actividades de cara á Festa do Salmón.
A organización da festa correrá a cargo das tabernas e locais da zona, tales como O candil de Silvia, o Pub M80, o Pub Tarará, o 20 Berzas, a Taberna Navegación e a Music Tasca Enredo, local fronte o que se instalará o escenario.