33 equipos disputaranse o IV Torneo de Fútbol Sala Base A Estrada Futsal

29 Abril 2019

33 equipos da contorna participarán no IV Torneo de Fútbol Sala Base A Estrada Futsal que se celebrará na localidade o vindeiro mércores 1 de maio. O evento terá lugar nas instalacións do pavillón polideportivo Manuel Coto Ferreiro, segundo informou hoxe o concelleiro de Deportes, Ismael Pena.

 

Os 33 equipos están repartidos en diferentes categorías de xeito que se contan 12 conxuntos de alevíns, 8 infantís, 8 cadetes e 5 xuvenís. O evento comezará a partir das 10:30 horas coa fase de grupos, na que os partidos se disputarán a unha única parte de 12 minutos, e xa pola tarde, as fases finais xogaranse a dúas partes de 15 minutos cada unha, explicou o presidente de A Estrada Futsal, José Manuel Reboredo.

 

A entrada é de balde para este torneo no que concorren cerca de 340 participantes e que ano tras ano vai contando con unha maior acollida, xa que grazas á implicación do Concello ao ceder o uso das instalacións pódese facer uso de 3 pistas de xeito simultáneo, o que permite axilizar os partidos e facilita que o público poda moverse entre os partidos que máis lle interesa ver, aclarou Reboredo.

 

Para rematar, o presidente do club salientou a importancia de apostar polo deporte de base, que no caso do fútbol sala conta con 50 rapaces e rapazas inscritos, lembrou que as inscricións para o torneo se atopan pechadas dende hai días debido ao límite da capacidade das instalacións e agradeceu aos comercios, empresas e entidades colaboradoras a súa implicación durante todo o ano,  ademais de lembrar aos asistentes que durante a xornada haberá dispoñible un servizo de picnic a disposición do público a un prezo de 5 euros.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1