O SAF da Estrada superará en maio as 4.000 horas de servizo ao mes

26 Abril 2019

O Servizo de Asistencia no Fogar da Estrada superará en maio as 4.000 horas de axuda ao mes, segundo informou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos. Actualmente estanse prestando arredor de 3.500 horas de servizo que se ampliarán a 4.060 horas ao mes, o que se permitirá dar de alta a arredor dunha decena de novos usuarios.

 

Coa nova licitación, que se atopa en prazo de exposición pública ata o 8 de maio, pasarase dun investimento de 600.000 a 800.000 euros anuais e a previsión é a de licitar un novo contrato por valor de 3.200.000 euros que permita cubrir un período de 4 anos prestando ese novo número de horas, explicou López.

 

Sen embargo, este aumento na calidade do servizo ten un contrapunto. O Concello contará con moitas horas máis de asistencia, pero cun custo moi superior ao inicial nun servizo que non é da súa competencia, senón que é unha transferencia por parte da Xunta de Galicia. O Servizo de Asistencia no Fogar divide a carga económica entre a Xunta, o Concello e o usuario, pero a Xunta aporta a mesma cantidade de diñeiro a pesar do encarecemento do servizo, polo que aumenta a carga sobre o Concello. “Estaría ben que esa transferencia de competencias estivese acompañada do financiamento para levalas a cabo”, expuxo o alcalde.

 

Actualmente hai 72 persoas catalogadas de dependentes na localidade e outras 44 ás que se lle presta o servizo en libre concorrencia, sumando un total de 116 persoas ás que se lle brinda este servizo. Non todos teñen o mesmo grao de dependencia, polo que, dependendo deste, cada persoa en particular ten dereitos a uns ou outros servizos, dependendo do que estipulen os técnicos de servizos sociais.

 

As persoas poden optar a un máximo de 70 horas semanais de asistencia no grao máis alto de dependencia, polo que todos os mércores se modifican as listas de espera a causa das revisións do grao de dependencia e das novas inscricións á lista. No caso de producirse unha baja dase de alta ás persoas cun maior grao de dependencia.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1