Mar de Compostela elabora unha guía turística da Estrada e comarca para as casas rurais

25 Marzo 2019

A Asociación de Turismo Rural Mar de Compostela elaborou, en colaboración co Concello da Estrada, unha guía turística da localidade e a comarca para a súa distribución nas dezaoito casas rurais vinculadas a ela. A presentación da guía estará aberta ao público e terá lugar este xoves, 28 de marzo, ás 19:30 horas no MOME, segundo informou hoxe o concelleiro de Turismo, Óscar Rancaño.

 

O concelleiro sinalou que estas guías servirán como unha axuda efectiva para que os visitantes que se acheguen á Estrada teñan un referente dos diversos atractivos da zona que poden visitar. Os lugares recollidos son principalmente enclaves naturais, que non requiren de reserva previa ou dependen de horarios de apertura, como fervenzas, mosteiros e muíños, explicou a presidenta de Mar de Compostela, Ana Villamayor, que aclarou que tamén se inclúen festas como a Rapa das Bestas ou enclaves coma o Pazo de Oca.

 

A tirada inicial comprende 5.000 exemplares que se distribuirán nas dezaoito casas rurais vinculadas á asociación (dezaseis da Estrada e dúas de Forcarei), pero cabe a posibilidade de aumentar a tirada, incluíndo algunha modificación e distribuíla tamén en oficinas de turismo e concellos limítrofes, indicou Villamayor.

 

O volume está dividido en dúas zonas con sendas rutas circulares que comparten un nexo común arredor da N-640, segundo explicou a tesoureira da asociación, Susana Cancela. A primeira ruta sae da Estrada cara as Brañas de Xestoso, Silleda, a Fervenza da Toxa, o mosteiro de Carboeiro, San Miguel de Castro, o Pazo de Oca, o areal de Berres e de volta cara o casco urbano; mentres que a segunda percorre Codeseda, Sabucedo, as Neveiras de Fixó, Aciveiro, as Brañas de Xestoso e Callobre.

 

Ambas son rutas pensadas para facer nun día en coche e recollen enclaves principalmente da Estrada, pero tamén de Silleda, Vedra e Forcarei. Tamén se inclúen rutas de sendeirismo, pero os dous percorridos principais están pensados para o automóbil nunha guía que é a primeira que reúne tantos puntos de interese, finalizou Cancela.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1