O Concello da Estrada presentou hoxe a relación de eventos que formarán parte da programación cultural de primavera baixo o título Estrada Escena mediante a cal, durante os vindeiros meses se tentará artellar unha programación de calidade e diversidade, segundo comunicou o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.
O inicio da programación estará marcado pola celebración do concerto da Banda da loba, que terá lugar este mesmo sábado, 23 de febreiro, ás 22:00 horas no Teatro Principal da localidade. Un evento cuxas entradas xa se atopan á venda no Departamento de Cultura do Consistorio e cun compoñente local, no que dúas das súas integrantes, Andrea e Marcela Porto, son veciñas da vila.
En marzo representaranse o drama Bernarda, o primeiro día do mes ás 21:00 horas e as comedias Dúas portas e un segredo (15 de marzo ás 21:00 horas), Ebook, las edades del libro (16 de marzo ás 20:00 horas) e a estrea A primeira vez (29 de marzo ás 21:00 horas). Para conmemorar o Día da Muller, o 8 de marzo contarase coa actuación folk de Susana Seivane. O concerto de jazz a cargo de Carlos Barruso e amigos e o concerto de solistas da Banda Municipal da Estrada serán dous eventos de balde para os que haberá que retirar invitacións no Departamento de Cultura do Concello que se celebrarán o 22 de marzo ás 21:00 horas e o 29 de marzo ás 20:30 horas respectivamente.
O espectáculo de maxia a cargo de Luis Boyano do día 5 ás 21:00 horas abrirá o mes de abril, ao que seguirán a función de danza contemporánea Euria por parte da Compañía Markeliñe o día 6 ás 18:00 horas, a representación humorística Un leñador no es un diseñador o día 12 ás 21:00 horas e a comedia xestual Facendo o indio o día 13 ás 20:00 horas.
En maio hai programadas catro comedias e cinco concertos. Entre as producións teatrais atópanse as obras Gag movie, unha comedia xestual que se representará o 3 de maio ás 21:00 horas; Aladín e a lámpada marabillosa, unha comedia musical que terá lugar o 4 de maio ás 18:00 horas; unha adaptación de Os contiños da terra por parte de Santi Cortegoso, para o 5 de maio ás 19:30 horas, cuxa entrada será de balde e a obra Elisa e Marcela, programada para o 10 de maio ás 21:00 horas.
A parte musical comezará o día 1 de maio ás 13:00 horas co concerto da Unión de Músicos Veteranos da Estrada e seguirá co Concerto de primavera que ofrecerá a Banda Municipal da Estrada o día 11 ás 20:30 horas, para cuxa asistencia será preciso retirar invitacións no Departamento de Cultura do Concello. O día 16 a partir das 22:00 horas celebrarase unha festa inspirada nos anos 80 con Teo Cardalda na Zona de Viños á que seguirá o día seguinte á mesma hora o concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre na Praza do Concello. A programación pecharase co Concerto do Salmón por parte da Coral Polifónica Estradense o 19 de maio ás 19:30 horas, para o cal tamén será necesaria a retirada de invitacións.