A Estrada investirá un total de 726.000 euros no servizo de recollida de lixo

En febreiro reduciranse a cifra e o modelo de colectores, o que permitirá aforrar na xestión da recollida de lixo.

 

O goberno local traballa en diversas actuacións de asfaltado no rural, no que se investirán ao redor de 2 millóns de euros, e tamén mellorará o servizo de recollida de lixo no que aportará para tal efecto un total de 726.000 euros. Levará a cabo a redución da cifra de colectores debido a súa maior capacidade e introducirá colectores de carga lateral o que suporá un aforro na xestión da recollida de lixo. Para tales fins, esta mañá celebráronse tres mesas de contratación.

 

mesa contratacions

Por unha banda, tivo lugar a valoración do sobre C, que se abriu fai 15 días, sobre os proxectos destinados ao rural. Presentáronse un total de 13 empresas, pero unha delas quedou excluída por presentar a documentación fóra de prazo. E tras esa análise levouse a cabo a apertura do sobre B. “Temos xa a proposta de adxudicación, pero non podemos dicir o nome da empresa, porque hai unha que quedou por moi pouco en baixa temeraria, polo que terá un prazo de cinco días para xustificar a baixa, pero en principio non afecta a adxudicación, así que esta será a proposta final”, adianta o alcalde, Xosé López.

 

Para o proxecto Pavimentación de Vías no Concello da Estrada, que está financiado polo Plan Concellos 2017 da Deputación, cóntase cun presuposto de 565.000 euros de fondos propios. Beneficiará a Lamas, Vinseiro, Rubín, Berres, Casa do Frade, San Miguel de Castro, Aguións, Guimarei, Cora, Baloira, Somoza, Callobre e Agar. Afectando desta maneira a unha superficie de algo máis de 13 quilómetros.

 

Por outra banda, está en fase de adxudicación de valoración de ofertas outro plan de asfaltados cun importe de 150.000 euros, que será tamén sobre fondos propios, que afectará  a Orazo, Baloira, Frades e Couso. Presentáronse un total de nove empresas. Está en fase da valoración do sobre C.

 

E está en marcha outro proxecto de 150.000 euros, o de Mellora de camiños municipais. Aquí está pendente de publicar o procedemento de contratación e será costeado baixo os fondos de Medio Rural do Plan de Camiños (PDR). Este proxecto afectará a Ribela, Cereixo, Nigoi e Lamas.

 

Por outro lado, atópase en fase de licitación, coa presentación de ofertas ata o día 16 de xaneiro, o proxecto de pavimentación en Rubín, Berres, Santa Cristina de Vea, San Xurxo de Vea e Parada por 240.000 euros. Dentro deste proxecto asfaltarase a estrada que vai de Cereixo a Rubín que suporá un custe elevado: o de 136.000 euros. “A nosa idea é adxudicar todos estes proxectos agora en xaneiro para poder facelos a principios de primavera, cando o tempo mellore”, sinala López apuntando “queremos levar a cabo en primavera este 1.100.000 euros e no verán ter en execución o proxecto do novo plan, o  Plan 18, así que investiremos uns dous millóns  de euros só de asfaltado no rural”. Ademais a estes proxectos sumaranse os do Plan Concellos da Deputación e tamén outros proxectos de fondos propios.

 

O tema dos asfaltados no rural é unha das cuestións máis demandadas polos veciños así como a recollida do lixo, algo que tamén se tratou durante a xornada de hoxe. “Tiñamos un servizo totalmente obsoleto polo que decidimos inverter unha parte importante do Plan Concellos do 2016 na mellora neste servizo. En total foron 480.000 euros para a compra dos camións que van ser entregados máis seguro no mes de febreiro”, apunta o rexedor. Serán camións totalmente acondicionados tanto para carga traseira como para lateral. O Concello nesta liña ten tres proxectos a maiores para mellorar a recollida de lixo: comprarán colectores novos de 800 litros para o rural, que foron adxudicados hoxe de maneira provisional, a compra de colectores novos de 2.200 litros de carga lateral para o casco urbano, tamén adxudicados hoxe  provisionalmente, e a compra das estruturas que suxeitan os colectores. “Adxudicamos o contrato destes soportes o 20 de decembro a Baygar SL por un importe de 64.432, 50 euros o que supón 176 estruturas”, indica López. Tal e como apunta o alcalde dotarase o casco urbano con 155 colectores e o importe de licitación é 128.000 euros, para o rural 400 cunha inversión de 54.450 euros e a as 176 estruturas para suxeitar os colectores por un custe de 64.432,50 euros. Os colectores foron adxudicados de maneira provisional esta mañá á empresa Plastic Omniun Sistemas Urbanos S.A. “Contamos que os colectores de carga traseira os teñamos nun prazo de 25 días desde que teñamos a adxudicación definitiva e os de carga lateral dependerá de cando teñamos os camións, pero contamos telo todo en febreiro”.

 

Na actualidade no casco urbano hai ó redor de 330 colectores. “Isto permitiranos optimizar moito a recollida porque este camión de carga lateral, que o fai pola dereita, realiza a carga do colector de maneira automática, polo que non é necesario ter dúas persoas atrás para realizar esta acción, permitiranos aforrar, polo tanto, en persoal e tamén facer unha xestión máis eficiente porque pasamos de ter esa cifra actual de colectores a ter sobre 130, quedando o resto de reserva”, explica López. Desta maneira, haberá unha redución importante do número deles polo que se levará a cabo unha reorganización do sistema de recollida. Segundo o mandatario, un destes novos colectores ten a mesma capacidade ca tres dos colectores verdes actuais. Dos 330 actuais o rexedor estima que uns 230 consérvanse en bo estado polo que seguiranse usando. No rural existen ó redor de 800 e o 30% están deteriorados e por este motivo serán substituídos polos novos. “Estamos falando en todo momento da recollida do lixo do colector verde e estamos traballando na recollida do amarelo porque o cambio ten que ser un cambio integral e como do noso servizo só depende a recollida do verde, estamos xa traballando nos pregos para intentar facer o cambio tamén na selectiva”, adianta López. A idea é cambiar todos os colectores da selectiva, pero “iso non depende do Concello, senón das empresas que teñen a concesión”. Así que van facer un novo prego para que a empresa que resulta adxudicataria realice todos estes cambios. “Este será un antes e un despois, non só na parte funcional da propia recollida, senón tamén na estética e hixiénica. Ademais, ímonos comprometer a facer unha limpeza dos colectores de como mínimo dúas veces ao ano”.

 

Nese cambio da recollida selectiva irá incluída a recollida de vidro, cartón e plástico e tamén a xestión do punto limpo. Na actualidade deste servizo encárganse empresas distintas (Ascán encárgase do vidro, Coregal do papel e do cartón e tamén do punto limpo e Celta Prix dos envases lixeiros) polo que o obxectivo para cumprir as expectativas que se marca o Concello será a contratación dunha única firma. Inverteranse en total 726.000 euros na recollida de lixo.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1