O Concello da Estrada pon a disposición as instalacións do Viveiro de Empresas para levar a cabo o programa SmartPeme

O proxecto asesorará na Estrada dúas veces ao mes e organizará diversos talleres

 

O proxecto SmartPeme embarca no concello da Estrada a partir do vindeiro mes contando con todo o apoio do Concello co obxectivo de que os emprendedores, empresarios e autónomos se sintan asesorados para levar a cabo a súa actividade, tal e como apuntou o tenente de alcalde, Juan Constenla, esta mañá durante a presentación do programa. O Concello pon á disposición as instalacións do Viveiro de Empresas para levar a cabo esta iniciativa que permita incentivar o traballo dos empresarios neste tempo de crise. Na presentación Constenla estivo acompañado polos deputados Carlos López Font e Javier Dios, por técnicos de SmartPeme, así como representantes da Asociación de Comerciantes da Estrada, da Asociación Comarcal de Empresarios, da Asociación de Fabricantes e Comerciantes do Moble, da Asociación de Xóvenes Empresarios de Pontevedra e dos responsables da empresa Central Científica Galega, que acaba de incorporarse hai uns días ao Viveiro de Empresas.

SmartPeme, programa da Deputación de Pontevedra, é unha rede de centros de asesoramento distribuídos polas diferentes comarcas da provincia que ten como obxectivo informar e asesorar sobre o uso e a aplicación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación no eido empresarial. O horario de atención ao público na Estrada será dúas veces ao mes, concretamente o primeiro e o último mércores en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 19.00 horas variando en agosto que será de mañá, de 09.00 a 14.30 horas, e terá lugar no Viveiro de Empresas.  Será un servizo de asesoramento individualizado, totalmente gratuíto, no que cada interesado contará cunha bolsa de 10 horas para poder informarse sobre cada cuestión. A este servizo súmase un asesoramento vía telemática que ofrece unha solución a todas as empresas que non teñen tempo para acudir presencialmente á oficina.  Ademais, tal e como comentaron os técnicos encargados deste proxecto, levarase a cabo un obradoiro cada mes, con posibilidade de ampliar o número segundo a demanda e as necesidades que vaian xurdindo.

Así mesmo, debido a gran influencia do sector agrario e gandeiro en Tabeirós-Terra de Montes, proxectarán un programa piloto para incentivar a implantación das novas tecnoloxías que melloren o rendemento e a produtividade neste sector.

O obxectivo é converter ao Viveiro no seu referente tecnolóxico para asociacións empresariais e os seus asociados nas comarcas.

 

 

 


20180104 110642 
 20180104 110725
 20180104 111130  20180104 111145

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1