O curso de guionismo enmarcado no PANIC conclúe cun balance moi satisfactorio por parte do profesor e do alumnado

Este ano o festival PANIC da Estrada incluíu como novidade, na súa quinta edición, un curso sobre elaboración de guións, que estivo organizado polo Concello, en colaboración coa Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada (EMAE). As clases foron impartidas por Víctor Sierra e remataron o pasado sábado cun balance máis que satisfactorio tanto por parte do profesor coma do alumnado, que desexa que se volva repetir.

 

Curso guionismo PanicAsistiron unha ducia de alumnos que en tres clases de dúas horas e media de duración trataron o básico sobre como facer un guión e as súas fases; todo dunha maneira moi práctica. “Seguindo a temática do Panic, cada día fixemos un achegamento a unha fase do guión, tratamos o desenvolvemento de personaxes, como facer unha trama dunha historia, centrámonos nos diálogos e sempre poñendo exemplo do que estaban traballando, e incluso elaboraron eles unha historia”, apunta Sierra. O perfil do alumnado foi variado, aínda que gran parte deles pertence á Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada (EMAE), había quen xa ten certa formación do eido teatral e outros que eran principiantes. “Intentamos que fora accesible para todo o mundo e o resultado, pola miña parte, foi moi satisfactorio, porque o clima no que traballamos foi distendido e tratamos de facelo o máis práctico posible para que lle poidan sacar partido ao aprendido”, apunta o guionista. Sierra é coñecido pola súa participación en series como Rías Baixas, Matalobos, Serramoura ou Piratas, entre outras.

 

O alumnado tamén coincide coa valoración de Sierra sobre o curso apuntando que foi excelente, estupendo, que se quedou curto e que desexa que se volva repetir.

 

Curso de relato curto

 

Por outra banda, tamén foi un éxito o obradoiro intensivo de relato curto de terror Memorias dun esquelete, que se impartiu os sábados do mes de novembro por parte de Romina Bal e MN Soutelo. A maioría do alumnado considera que este curso foi positivo, en canto a sesións, contidos e actividades, aínda que debería ter unha maior duración.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1