Alumnado dos tres institutos da Estrada asistirá mañá a unha charla impartida por Inés Vidal con motivo do 25N

Pola tarde haberá unha concentración de repulsa contra a violencia de xénero e proxectaranse cinco curtas sobre esta lacra.

 

O alumnado do cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria dos tres institutos da Estrada asistirá mañá, ao redor das 11.30 horas,  á Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) á charla titulada  Identificación e Prevención da Violencia de Xénero que estará impartida pola profesora Inés Vidal do instituto Antón Losada Diéguez, que leva más dunha década traballando de maneira transversal esta temática no seu centro.

 

“A través de imaxes e mensaxes dos medios de comunicación pretendemos dar unha explicación sobre os límites para distinguir condutas abusivas”, apunta Margarita De la Calle, directora do Centro de Información á Muller (CIM) do Concello da Estrada. De la Calle quere agradecer a  colaboración de todos os centros educativos e a implicación do seu profesorado, que de maneira conxunta, contribúen na loita contra a violencia de xénero e incide na importancia na educación para a prevención desta lacra.

 

O restante alumnado dos centros, durante esa xornada, realizará outras actividades relacionadas co  25N. 

 

Ás 20.00 horas na Praza do Concello haberá, coma todos os anos, unha concentración simbólica para recordar ás vítimas desta lacra, na que se poñerá un cirio co nome de cada unha das que perderon a vida ao longo deste ano. Seguidamente, lerase o manifesto aprobado polas tres forzas políticas do Concello. “Este ano queremos que se transmita unha mensaxe máis directa e lembraremos a cada unha das mulleres asasinadas para que a poboación entenda a gravidade e a forma máis nefasta das manifestacións da violencia”, explica De la Calle. A directora do CIM convida a todo o mundo a asistir e participar nestes actos para mostrar o rexeitamento colectivo ante un problema que nos afecta a todos e a todas durante todos os días do ano.

 

Os actos do 25N completaranse cun ciclo de cinco curtametraxes, cunha duración total duns 45 minutos, que se proxectarán nos Minicines Central mañá, venres, ás 22.00 horas e durante a fin de semana ás 17.30 horas. A entrada será de balde ata completar o aforo. As curtametraxes que se proxectarán serán: El orden de las cosas, No aguanto a tus padres, Recursos humanos, Deazularrojo e Libre directo.

 

A conmemoración desta data concluirá cunha charla da que aínda falta por concretar a data. “Debido a grande implicación dos nenos e nenas desde o CIM, en conxunto co profesorado que colabora e participa nesta causa, estamos programando unha charla dirixida ao público en xeral para mostrar os resultados de toda a programación que realizou o alumnado en torno a ese día, e exporemos as estatísticas recollidas nos obradoiros de prevención impartidos polo CIM nos tres últimos cursos académicos”, conclúe a directora do CIM.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1