Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará na Estrada o 24 e o 25

Como xa é habitual a finais de mes, a Praza do Concello acollerá unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia. Será o venres 24 e o sábado 25. Os interesados en doar sangue poderán facelo o venres pola mañá de 10.00 a 14.00 horas e pola tarde de 16.00 a 21.00 horas e o sábado de 10.00 a 15.00 horas.

 

A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneas a todos os hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas dez unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

 

Cada día precísanse dunhas 500 doazóns de sangue para poder axudar a centos de enfermos.

 

Lembrar que a doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar os seus problemas de saúde e, incluso, salvar a súa vida. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres deixando pasar entre cada doazón un mínimo de dous meses. Non se pode acudir sen almorzar e despois do xantar hai que agardar dúas horas.

 

Poderán doar sangue as persoas que teñan unha saúde normal, con máis de 50 quilos de peso e que sexan maiores de idade. Os doantes maiores de 65 anos poderán seguilo facendo sempre que conten co permiso do seu médico de cabeceira.

 

Os doantes deben acudir coa tarxeta de doador, co DNI ou cun documento similar, comunicándolle ao médico se están tomando algún medicamento.

 

 

 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1