Arrancan as obras para reparar a cúpula da Casa Consistorial e para colocar un novo pararraios

A actuación, cun custe de case 40.000 euros, está prevista que remate a finais de mes.

 

Esta mañá arrancaron as obras para levar a cabo a reparación da cúpula do Consistorio, para instalar o novo pararraios e para acondicionar algunhas estancias interiores danadas o 11 de abril de 2016 a causa da caída dun raio sobre a Casa Consistorial.

 

obras cupula“Despois de pasar por todo o proceso de tramitación que tivemos que facer para reparar un elemento catalogado tan importante como é o Concello e despois de varios intentos con Patrimonio, conseguimos a autorización definitiva e adxudicamos con cargo aos fondos dunha baixa do Plan Concellos 2015 da Deputación”, apunta o alcalde do Concello, José López. O custe da actuación é de case 40.000 euros.

 

“Ademais aproveitaremos o propio elevador que están usando para este cometido, que digamos que é un elemento que supón un custe importante pola altura á que teñen que traballar, para instalar o novo pararraios e as novas conexións de toma de terra”, engade o rexedor. Simultaneamente, tamén se levarán a cabo os traballos de acondicionamento do interior da Casa Consistorial por un importe de 8.000 euros. “Son pequenas actuacións que hai que facer, danos que tamén provocou aquela treboada e algunhas outras cuestións de pequenas obras internas que se acometerán nos vindeiros días para ter rematada a actuación, que agardo sexa a finais deste mes”.  

 

Ditas obras, tal e como comenta López, foron acordadas polo Comité de Seguridade da Saúde e con Inspección de Traballo. “Acordáronse con estes dous órganos e a eles no seu día, trasladámoslles a imposibilidade de poder executar as actuacións ata que Patrimonio nos dera o visto bo, e tras isto foi inmediata a actuación”.

 

A obra foi adxudicada á empresa Cubiertas de Pizarra Payno. “Con estas obras resolveranse aquelas cuestións que preocupaban aos propios funcionarios e a seguridade dos propios empregados públicos e a situación do pararraios, que é un dos poucos que existen no casco urbano e que evidentemente, en previsión de futuras treboadas, quedará perfectamente instalado”, resalta o rexedor.

 

 

 

 

  

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1