O Concello esixe aos veciños que recollan os excrementos dos seus cans nas zonas públicas

En caso contrario, esta actitude pode sancionarse con ata 90 euros.

 

O Concello da Estrada pide a colaboración veciñal para evitar as continuas queixas que se están producindo. A razón é a falta de civismo dalgúns cidadáns, que permiten aos seus cans, facer as súas deposicións na rúa, deixando lixado o espazo público. O alcalde, José López, alude que, ademais de ser desagradable, pode resultar perigoso para a cidadanía en xeral, pero; particularmente, para os nenos que,  durante os seus xogos, entran en contacto cos pavimentos de rúas, prazas e parques, podendo contaxiarse de graves enfermidades.

 

O rexedor apunta a que os que protagonizan estas condutas fan caso omiso das normas cívicas e da normativa municipal, polo que lembra que este Concello conta co denominado Regulamento de protección do medio ambiente, de limpeza pública e da recollida de lixo do Concello da Estrada (BOP número 194 do luns 9 de outubro de 2000) que no seu artigo número 11 recolle: “ As persoas que leven cans ou outros animais polas vías e espazos públicos, á parte de mantelos atados e de cumprir coa normativa sectorial vixente, deben impedir que lixen os xardíns e lugares destinados ao tránsito. De se dar o caso, deben de recoller de xeito inmediato os restos que deixen”.

 

O incumprimento desta obriga constitúe unha infracción leve e sancionarase esta actitude cunha multa que pode chegar aos 90 euros.

 

“Rogo, polo tanto, aos propietarios dos cans que ata agora non o estean a facer así, que cumpran as normas de convivencia citadas e, tamén, aos demais veciños, que axuden a crear unha opinión favorable entre os donos dos cans, para que comprendan que o seu comportamento prexudica a todos, porque todos debemos contribuír para que A Estrada se converta nunha localidade limpa, saudable e tranquila”, conclúe López.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1