Os alumnos de terceiro curso de primaria do Pérez Viondi gozan como concelleiros durante unha mañá

A Casa Consistorial recibiu unha visita moi especial: 47 alumnos do terceiro curso de primaria do CEIP Pérez Viondi, que acompañados por tres mestras, visitaron as instalacións do Concello. Os cativos foron recibidos no Salón de Plenos por Amalia Goldar, concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación e seguidamente polo alcalde, José López Campos.

 

visita escolares

Os rapaces tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento dun pleno e as funcións dun alcalde. Por quendas, os nenos, todos ilusionados, ocuparon os asentos dos concelleiros, e liderados por José López, celebraron un pleno. O primeiro punto a tratar foi a ampliación dos xardíns municipais, tema que está moi de actualidade. Os rapaces non dubidaron en facerlle propostas ao alcalde. Entre elas a construción dun circuíto para bicicletas, unha gardería con distintos accesorios e casas incluídas para cans, así como un campo de fútbol e de baloncesto. “Porque os que hai están sempre ocupados polo maiores, polos da Universidade, e nós non podemos xogar”, queixáronse ante o alcalde, quen lles comunicou que el era  testemuña desta situación que padecen os máis pequenos.

 

Os nenos mostraron unha enorme sensibilidade cara aos animais, xa que en todo momento, as peticións foron para os animais de compañía, e as súas quedaron en segundo plano. Ademais, están moi sensibilizados co Medio Ambiente, reclamando máis papeleiras.

 

Tamén houbo quen reivindicou ante o rexedor a supresión de deberes. “Eu tamén suprimiría o uso de maquinitas, pero seguramente con iso non estaredes de acordo, polo tanto eu considero que tanto deberes como maquinitas ten que haber, pero todo de maneira moderada”, comentoulles entre risas o alcalde.

 

visita escolares2

 

López explicoulles o que era unha democracia e para materializar a teoría, tras presentar e debater as propostas, os rapaces tiveron a oportunidade de votar.

 

 

Outros dos temas que trataron foi o pago de impostos, a importancia de non abandonar as mascotas así como a necesidade de loitar contra os incendios forestais. “Na Estrada hai 34 persoas traballando nesta loita e eu animo as profesoras a que vos leven a coñecer a base de Protección Civil”. O alcalde tamén lles trasladou a idea de que “facer as cousas custa moito diñeiro polo que é moi importante que entre todos as manteñamos e as coidemos”.

 

 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1