Unha trintena de músicos actuarán mañá no Teatro Principal en homenaxe a Álex Cabal

O Teatro Principal acollerá mañá, venres, ás 21.00 horas un concerto homenaxe a Álex Cabal, que foi todo un referente no panorama musical da Estrada. O evento foi presentado esta mañá por Juan Constenla, concelleiro de Cultura, Carlos Barruso, un dos organizadores, e por Álex Cabal, fillo do homenaxeado. “Os eventos e as campañas que nacen da xenerosidade da xente e do recoñecemento son as que máis merecen a pena e esta homenaxe é un claro exemplo. É unha homenaxe cara alguén que contribuíu co seu traballo e coa súa bondade. O gran cariño que esperta a lembranza de Álex podémolo comprobar coa resposta dos veciños e veciñas da Estrada”, apunta Juan Constenla.

 

homenaxe alex cabalNa homenaxe actuarán catro agrupacións coas que Cabal compartiu notas e ritmos. Cada formación tocará dous temas e ao final interpretarán dúas cancións en conxunto e haberá tamén un tema sorpresa. A entrada é gratuíta, pero é necesario recoller as invitacións que a día de hoxe xa están esgotadas no departamento de Cultura do Concello. Porén, hoxe pola mañá quedaba algunha dispoñible en Calzados A Esquina e no bar Boliche. “Eu quero agradecer a toda a xente que quere participar nisto asistindo ao evento e que esta ocasión serve ademais para escoitar boa música e tamén para ver á xente estradense que sei que hai xente de boa calidade que toca instrumentos de todo tipo”, resaltou Álex Cabal, fillo do homenaxeado.

 

O evento estará presentado por Xosé Lueiro e entre cada agrupación proxectaranse diapositivas para facer un recordo do paso das distintas agrupacións.

 

“A idea deste concerto é facer unha actuación na que interveñan ao redor dunha trintena de músicos das catro agrupacións máis representativas das que formou parte Álex Cabal desde que chegou a Galicia no 1984”, apuntou Barruso.  Desta forma, os grupos que estarán presentes serán a orquestra Canadá, Carlos Barruso Quinteto, Dear Mr e a Escola Acome (Asociación Cultural Obradoiro de Música de A Estrada). “Cada formación tocará os temas máis representativos, por exemplo Canadá dos 80 interpretará temas de rock and roll tipo Deep Purple, Zeppelin... nos 90 era outro tipo de repertorio como Gloria Gaynor. Co quinteto xa pasamos a unha cuestión máis de jazz, de funky. Dear aposta máis por blues e por jazz e Acome é unha escola que se creou para facer todo tipo de música, que faltaba un pouco na Estrada. Na Estrada hai rock and roll, hip- hop, bandas de música clásica, pero falta cubrir o espazo do jazz, do funky, do blues e por iso se creou esta escola na que participou Álex activamente”, resalta Barruso.

 

Durante o día do concerto no Teatro Principal haberá un posto para que quen o desexe poida facer un donativo a favor da Asociación Española Contra el Cáncer. Os organizadores teñen previsto gravar o evento en CD e DVD e subilo a algunha plataforma en Internet.

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1