O Festival de Cine de Terror Panic incluirá 8 películas que arrancarán o día 3 cunha maratón nocturna

O desfile da Santa Compaña que o día 3 de novembro percorrerá todas as rúas da vila será antesala da quinta edición do Festival de Cine de Terror da Estrada PANIC, un evento organizado polo Departamento de Cultura do Concello e co que colabora tamén o Departamento de Sanidade do Concello, a través do servizo de loita contra a drogodependencia, e outros colectivos da vila, entre os que se encontran Pedro Pérez, de Producciones Trípode, e Luis Rivadulla, xerente de Minicines Central. Constenla e Pérez foron os encargados de presentar esta mañá o festival.

 

presentacion panic

A maratón de cine de terror comezará o día 3 nos Minicines Central a media noite ata cerca das 08.00 horas do día 4. “Haberá unha  relación de películas que todos os estradenses poderán visionar de forma gratuíta. A nosa intención é  a de superar en número aos corenta valentes que o ano pasado aguantaron en pé ata a última película. Todos os que consigan facelo, serán convidados a almorzar pola organización”, apuntou Constenla.

 

Como novidade, este ano volverase programar algunha película para os máis cativos e volveranse proxectar algunha curtametraxe realizada por mozos estradenses. “Posiblemente o 17 e o 24, antes da película, será cando proxectemos as curtametraxes dalgúns dos creadores estradenses, que xa o ano pasado nos demostraron que saben manexar os recursos do cine de terror”, apuntou Pérez.

 

A proxección de películas estenderase ata o venres día 24 cun total de 8 películas e a entrada será de balde ata cubrir o aforo das salas. Como xa se fixo en anos anteriores, e no que ten que ver coa vertente cultural do certame, faranse distintas charlas polos IES do municipio que as impartirá Pedro Pérez. “Irei polos institutos dando unha charla que se titula Misterios de Galicia e o seu tratamento no cine. O que vou intentar é transmitirlles que hai unha serie de mitos en Galicia, como o da Santa Compaña, como o dos endemoñados, por exemplo do Corpiño, ou o de Manuel Blanco Romasanta, que foron tratados no cine e que foron contados de maneira moi dispar, algúns con certo realismo e outros con total falsidade”, indica Pérez. As charlas incluirán entrevistas interesantes a persoas relacionadas co misterio en Galicia.

 

 Ademais o  día 10 de novembro volverá á Estrada  Paula Carballeira para que no Teatro Principal faga unha contada de medo. “Foi tal o éxito do ano pasado, que decidimos programar este segundo contacontos”, confesou Constenla.

 

Cursos

 

Como novidade, nesta quinta edición o Concello organizará, en colaboración coa Escola Municipal de Artes Escénicas, un curso de guionismo impartido polo guionista Víctor Sierra que terá lugar durante os tres últimos sábados do mes de novembro e un obradoiro de escritura de contos de medo dirixido pola responsable do Club de Lectura da Estrada Neves Soutelo, que tamén terá lugar durante o mes de novembro e que dará remate cunha lectura pública final.

 

Relación de películas

 

Día 3 de novembro:

  • 00.00 a 01.40 horas: La autopsia de Jane Doe
  • 01.45 a 3.15 horas: Tucker & Dale Contra el Mal

DESCANSO PARA TOMAR UN CAFÉ OU CHOCOLATE

  • 03.45  a 05.20 horas: Alta Tensión
  • 05.30 a 07.00 horas: Slither

 

DÍA 10 de novembro

  • 19.00 horas: Los Boxtrolls
  • 00.00 horas: Cooties (Dulces Criaturas)

 

Día 17 de novembro

  • 00.00 horas: Raw (Crudo)

 

Día 24 de novembro

  • 00.00 horas: El muñeco de nieve

 

*Información das películas do cine de terror:

 

Os interesados poden obter máis información en www.panic.aestrada.com

 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1