A Uvigo organiza un curso sobre viño, cervexa e sidra que terá lugar o 26 e 27 de setembro na Estrada

É de acceso libre, pero para recibir un diploma é preciso anotarse previamente e pagar matrícula.

 

O turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra será abordado nun curso que organiza a Universidade de Vigo (Uvigo), no que os seus alumnos poderán aprender de cerca tendo como escenarios os municipios da Estrada e de Allariz. Terá lugar os días 25, en Allariz, e o 26 e 27 na Estrada.  O acceso é libre, pero os interesados en obter un diploma emitido pola Uvigo deberán inscribirse e pagar matrícula. O prazo de inscrición xa está aberto e débense anotar, ata o día 20, a través do enlace http://vicou.uvigo.es/es/cultura/cursos-de-extension

 

O ciclo arrancará o día 25 en Allariz. A saída do alumnado está prevista para as 09.00 horas desde a facultade de Ciencias Empresarias e Turismo. De 9.30 a 12.00 horas, Julio Cerviño Fernández, profesor de Marketing e Investigación de Mercados da Universidade Carlos III, dará un relatorio sobre Que se pode considerar turismo experiencial? Conceptualización e evolución.

 

O mesmo profesor impartirá O turismo experiencial dentro da planificación turística de 12.15 a 14.30 horas. De 16.00 a 18.30 horas terá lugar a charla A cervexa, un produto turístico?. Será a cago de José Antonio Fraiz Brea, profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo. De 18.30 a 21.00 horas, continuarase cunha visita ás instalacións da Dama Alaricana, cervexería artesanal. Ás 21.00 horas os asistentes regresarán á facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

 

O día seguinte, día 26, os alumnos sairán da facultade ás 09.00 horas e trasladaranse a Estrada. As conferencias serán no Museo do Moble e da Madeira (MOME). A primeira, O Enoturismo, iniciativa experiencial en auxe, estará impartida por Agustín V. Ruíz Vega, catedrático da Área de Comercialización e Investigación de Mercados da Universidade da Rioja. De 12.15 a 14.30 horas Valerià Paül Carril, profesor da facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, impartirá Turismo activo, unha vertente experiencial?

 

Xa pola tarde, de 16.00 a 18.00 horas, terá lugar o relatorio Desenvolvemento turístico tematizado na sidra a cargo de Francisco Javier de la Ballina Ballina, profesor titular da Universidade de Oviedo e ex-director de Turismo da Comunidade Autónoma de Asturias. De 18.00 a 19.30 horas Jesús Armenteros, propietario do Lagar  Ribela, dará todos os detalles sobre O mercado da sidra ecolóxica.

 

Seguidamente, de 19.30 a 21.00 horas, terá lugar unha mesa redonda baixo o título Potencial turístico da Estrada. Que papel xoga a sidra no mesmo? Intervirán un membro da Asociación Codeseda Viva, un representante de Turismo da Estrada, un propietario dunha casa rural da zona, Agustín Ruíz Vega (catedrático da Área de Comercialización e Investigación de Mercados da Universidade da Rioja) e Francisco Javier de la Ballina Ballina (profesor titular da Universidade de Oviedo e Ex-director de Turismo da Comunidade Autónoma de Asturias).

 

O último día 27, os asistentes, de 09.00 a 12.00 horas, visitarán a finca Olives e recursos turísticos da zona para coñecer in situ unha explotación sidreira, os recursos e a súa xestión. Despois, de 12.15 a 14.30 horas, Jesús Armenteros, propietario do Lagar de Ribela, e José Antonio Fraiz, profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo, impartirán a conferencia O mundo da sidra e o seu potencial turístico.

 

E por último, de 16.00 a 20.30 horas, terá lugar a visita ás instalacións da microsidrería Ribela onde poderán coñecer o seu funcionamento e todo o relacionado coa comercialización do produto.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1