DepoRúarte ofrece cinco obradoiros de iniciación á cultura urbana o día 23 na Estrada

O programa inclúe breakdance, turntablism dj, graffiti, parkour e personalización de gorras trucker.

 

A Estrada acollerá o 23 deste mes o programa DepoRúarte da Deputación, que celebra a súa segunda edición este ano, e que está dirixido a mozos de 12 anos en adiante. A actividade incluirá cinco obradoiros que terán como escenario a Praza do Concello. Comezarán ás 17.00 horas e rematarán sobre as 20.00 horas. O principal obxectivo desta actividade é que a mocidade aprenda e poida desenvolver a súa creatividade nalgunhas das principais expresións da cultura urbana.

 

A través das iniciativas MusicArte, UrbanArte e CreArte os participantes poderán adentrarse en diversas disciplinas. Unha das novidades desta nova edición é que o programa desta volta terá un compoñente inclusivo para que tanto asistentes como monitores con diversidade funcional poidan participar destas actividades. Na programación da Estrada figuran cinco obradoiros de iniciación á cultura urbana. Serán de breakdance, turntablism dj, graffiti, parkour e de personalización de gorras trucker.

 

Aínda que a iniciativa vai dirixida especialmente para persoas de 12 anos en adiante, non se limita estritamente a participación a outros grupos de idades, e non será necesario anotarse previamente.

 

As disciplinas

1.- Breakdance. A práctica do breakdance fomenta o espírito de superación persoal, mellora a autoestima e estimula a creatividade ofrecendo a posibilidade de expresarse libremente a través do movemento. O obradoiro incluirá:

  • Aprendizaxe das técnicas fundamentais de desprazamentos e actitude postural do breakdance (toprocks).
  • Aprendizaxe das técnicas fundamentais de combinacións no chan (footworks)
  • Aprendizaxe de técnicas de equilibrio e posicións fundamentais (freezes).
  • Elaboración dunha breve rutina de breakdance.

 

2.- Turntablims dj. É unha técnica utilizada polos djs de hip-hop que consiste en mover un disco de vinilo cara adiante e cara atrás sobre o prato do tocadiscos para crear un efecto parecido ao de raiar o disco (scratch) e que, ben usado, axuda a construír ritmos e frases melódicas. A actividade consistirá en:

  • Familiarización coa mesa de mesturas e a súa estrutura.
  • Iniciación ás mesturas e de uso do fáder.
  • Técnicas e nocións básicas para a mestura de sons.
  • Técnicas de scratching co vinilo.
  • Práctica no manexo da mesa e os pratos.

 

3.- Graffiti. Utiliza o spray para comunicar ideas, inquedanzas e preocupacións do presente e do futuro a través da pintura.  Incluirá:

  • Achega á linguaxe e á historia do graffiti.
  • Coñecemento dos usos adecuados e inadecuados do graffiti.
  • Coñecemento das técnicas dos spray na elaboración de graffitis.
  • Creación colectiva dunha peza de graffiti.

 

4.- Parkour. É unha disciplina ou filosofía que consiste en desprazarse dun punto a outro da maneira máis fluída posible, usando principalmente as habilidades do corpo humano, o que implica superar os obstáculos que se presentan no percorrido como valos, muros ou paredes. Contidos:

  • Exhibicións de Parkour.
  • Poderase observar saltos impresionantes, piruetas, velocidade, precisión e moita axilidade converténdose nun verdadeiro espectáculo.

 

5.- Personalización de gorras trucker. Durante este obradoiro os asistentes farán o deseño do seu nome en letras de graffiti e debuxarano no frontal da gorra dándolle un estilo propio e moi colorido. Os contidos da actividade son:

  • Visualización de gorras e deseños rematados.
  • Debuxo do nome en letras de graffiti sobre papel.
  • Copia do deseño sobre o frontal da gorra a lapis.
  • Pintado do fondo do debuxo con rotuladores de trazo ancho.
  • Perfilado do nome con rotuladores de trazo fino.
  • Remate do deseño con outros elementos, como estampados, brillos, etc.

 

 

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1