O luns abre o prazo para solicitar as axudas para libros e material escolar

Tras aprobarse a pasada semana a convocatoria de axudas do Concello da Estrada, destinadas a compra de libros e material escolar, as bases saen hoxe publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Desde o vindeiro luns, día 11, e durante 15 días hábiles os interesados deberán presentar a súa demanda para poder optar a elas. O Departamento de Servizos Sociais, dirixido por Amalia Goldar, aporta para este curso, 2017/2018, un orzamento de 10.000 euros, o que supón un aumento de 3.000 euros con respecto ao ano pasado.

 

Estas contías van dirixidas para os alumnos, empadroados no municipio e que pertenzan a familias en situación de dificultade social-económica, que estean matriculados na segunda etapa de Educación Infantil, é dicir, que teñan entre tres e cinco anos.  Outra das melloras con respecto ao curso anterior é que a axuda  suporá unha suba de dez euros por alumno, podendo recibir este ano un total de 100 euros por neno. E a contía poderá constituír o cento por cento do custe total, xa que tendo en conta que estas concesións son de interese social, pola situación de dificultade económica das familias ás que están dirixidas, terán a consideración de carácter especial, polo que o importe da axuda poderá supoñer a totalidade do gasto.  Abonarase o importe concedido á vista da factura presentada na que debe figurar o nome do solicitante.

 

En cada unidade familiar só un dos seus membros pode beneficiarse, e poderanse conceder tantas axudas como número de menores estean matriculados no segundo ciclo de educación infantil.

 

Requisitos para optar a estas concesións:

  • A unidade familiar debe estar empadroada e ter residencia efectiva no Concello da Estrada e convivir cos menores.
  • As persoas estranxeiras residentes no municipio poderán beneficiarse sempre e cando se atopen nunha situación administrativa regular e cumpran determinadas condicións sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España.
  • Estar matriculada ou ter reserva de matricula nun colexio público do concello.
  • Ter presentada a solicitude e documentación no prazo e forma establecido.
  • Acadar a puntuación necesaria segundo o baremo, dentro da capacidade orzamentaria asignada a tal concepto.
  • Estar ó corrente no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa seguridade social.
  • Que a renda per cápita en cómputo anual non supere o importe do IPREM anual correspondente ao ano 2.016 (6.390,13 euros anuais).

 

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro xeral de entrada do Concello da Estrada ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo o modelo Anexo I, acompañadas da documentación acreditativa de cumprimento de requisitos e circunstancias que permitan avaliar a situación socio-familiar.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1